A Xerencia de Urbanismo aprobará a semana que vén o Polígono II da ampliación de Navia
O Concello aproba a urbanización do Polígono II tres semanas despois de recibir os proxectos definitivos dos polígonos 1, 2 e 3 do Plan Parcial de San Paio de Navia.
A Xerencia de Urbanismo aprobará a urbanización do Polígono II do Plan Parcial de San Paio de Navia na Xerencia de Urbanismo convocada para o martes 29 de marzo. Así anunciouno o alcalde que louvou a présa municipal en aprobar os Polígonos I e II: “Fixémolo en 10 días co I, en menos dun mes co II e agora comezaremos a informar o III. Para nós Navia é importante”, declarou.
Abel Caballero lembrou que o Concello recibiu os proxectos definitivos o 22 de febreiro, tal e consta no rexistro. Tamén, en declaracións remitidas aos medios, lembrou que “a Xunta tardou 11 anos en comezar a ampliación de Navia e un ano en resolver a documentación. Todos os atrasos da urbanización de Navia son responsabilidade da neglixencia administrativa da Xunta”, afirmou.
O rexedor explicou que no Polígono II, que se aprobará o martes na Xerencia de Urbanismo, está o chan que ten que ocupar un novo IES para Navia: “É imprescindible que a Xunta firme o convenio que lle remitimos fai dous anos. É moi sinxelo: o Concello cede á Xunta os terreos de balde preparados para a edificación e a Xunta comprométese a construír un novo IES. Os mozos e mozas do barrio están a percorrer 10km cada día para seguir as clases”, subliñou.