Escoitar

Marta Skyba, voz dos ucraínos en Vigo, pregoeira da festa da Reconquista

“Quero que sexa a voz das ucraínas e dos ucraínos na festa”, anunciou o alcalde este venres: “Este ano a Reconquista levará as cores da bandeira de Vigo e tamén as da bandeira de Ucraína”. Ademais, recibirán o galardón de Vigués Distinguido a Asociación Mutualista de Residentes de Vigo en Bos Aires, o arquitecto Alfonso Penela e a astrofísica Begoña Vila.

venres, 18 mar 2022
O pasado 9 de marzo gardáronse cinco minutos de silencio en apoio ao pobo Ucraíno, coa presenza de Skyba, no centro da imaxe, situada á dereita do alcalde.
O pasado 9 de marzo gardáronse cinco minutos de silencio en apoio ao pobo Ucraíno, coa presenza de Skyba, no centro da imaxe, situada á dereita do alcalde.

Abel Caballero continuou este venres desvelando as propostas para recibir as distincións na gala que se celebrará o mércores, 23 de marzo, e que se suman ás xa anunciadas en días anteriores. E ademais revelou que a situación do pobo ucraíno, país que está a ser atacado polo exército de Putin, ocupará un espazo relevante na Reconquista deste 2022.

Marta Skyba, a responsable en Vigo da Asociación Galega de Axuda a Ucraína, será a encargada de ler o pregón. Skyba é unha “viguesa nacida en Ucraína”, en verbas de Caballero, residente na cidade desde hai máis de oito anos e unha muller “que sempre traballou coa colectividade de Ucraína en Vigo, viguesa de pro e moi involucrada no entorno”.

O alcalde vigués expresou que “quero que (Marta Skyba) sexa a voz das ucraínas e dos ucraínos na Reconquista de Vigo”, unha festa que este ano “levará as cores vermello e branco da bandeira de Vigo e tamén as cores da bandeira de Ucraína”.

Vigueses Distinguidos

Abel Caballero trasladou este venres tres novos nomes acredores de recibir este ano o galardón de Vigués ou Viguesa Distinguido/a: Begoña Vila, Alfonso Penela e a Asociación Mutualista de Residentes de Vigo en Bos Aires, na Arxentina.

Begoña Vila Costas é unha astrofísica viguesa, enxeñeira doctorada pola Universidade de Manchester e premiada con distintos galardóns. Traballa actualmente na NASA, involucrada no desenvolvemento do maior telescopio xamais enviado ao espacio: o James Webb.

O segundo nome citado hoxe foi a Asociación Mutualista de Residentes de Vigo en Bos Aires, na Arxentina. Ao respecto, Abel Caballero recordou que acudiu como alcalde á urbe bonaerense cando a entidade celebrou os seus noventa anos de vida.

Por último, o arquitecto Alfonso Penela, “de nivel mundial” e cunha “obra excepcional”, en verbas de Caballero, responsable de obras como a Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias da Universidade de Vigo, entre moitas outras.

Descargar todas as imaxes