Escoitar

O goberno de Vigo aprobou o pago de 313.000 euros de apoio ao deporte

O Concello destina 53.000 euros ao Amfiv e 100.000 euros ao Coruxo FC como clubs de elite da cidade, ademais doutros 160.000 euros para patrocinar o Open de Vigo do World Padel Tour, que se celebra a próxima semana. Abel Caballero informou ademais de subvencións en materia cultural ao Teatro Ensalle, á Sala Ártika e ao Instituto de Estudos Vigueses.

venres, 18 mar 2022
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa.
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa.

O alcalde informou este venres dalgúns asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local celebrada o xoves, en materia deportiva e cultural. Caballero explicou que se deu luz verde ás subvencións mediante convenio ao Amfiv, con 53.000 euros, e ao Coruxo Fútbol Club, con 100.000 euros, para o seu desenvolvemento na presente tempada deportiva como clubs de elite da cidade. O Amfiv milita na máxima categoría estatal do baloncesto masculino en cadeira de rodas, mentres que o Coruxo FC compite na Segunda Federación de fútbol masculino.

Precisamente este domingo, o Coruxo retorna ao Vao para xogar o seu partido de liga, logo de concluír unha remodelación do campo na que o Concello renovou o céspede de herba natural, mellorou a drenaxe e o rego, cambiou a iluminación e habilitou unha nova área de quecemento para os futbolistas. O investimento na obra ascendeu a 642.000 euros, “unha obra moi importante para que o Coruxo teña un terreo de xogo como corresponde á súa categoría”, valorou Caballero.

Continuando no eido deportivo, o goberno de Vigo tamén adxudicou o contrato de patrocinio para a celebración do Vigo Open 2022 do World Padel Tour. O acordo estipula un pago de 160.000 euros para o evento, que se celebra entre o día 20 e o 27 de marzo nas instalacións do recinto feiral de Cotogrande. “Unha parte do custo que pagamos cos 160.000 é o alugueiro do IFEVI, por encima dos 60.000 euros”, explicou Caballero, quen demandou que a Xunta, “se quere facer actividade deportiva no IFEVI, que alugue os sitios, non que llo quite ao IFEVI porque correrá risco o recinto feiral máis importante de Galicia”, en referencia á modificación do Padroado e pretensión autonómica de empregar dous pavillóns para ese uso.

O goberno de Vigo tamén decidiu conceder subvencións a entidades culturais, segundo trasladou Caballero este venres en rolda de prensa. Así, o Teatro Ensalle percibirá do Concello 5.000 euros para a programación realizada en novembro e decembro e a Sala Ártika, 6.000 euros para o financiamento do VII Festival PequeÁrtiko do Nadal, celebrado a finais do pasado ano. Tamén o Instituto de Estudos Vigueses ingresará 37.000 euros do Concello de Vigo, o total do seu orzamento do ano, anotou o alcalde, para levar adiante a súa actividade no 2022.

Descargar todas as imaxes