O Concello colabora coa AECC na posta en marcha de 12 rutas saudables na cidade
A segunda edición do programa quere fomentar hábitos de vida saudables entre a cidadanía para loitar o sedentarismo, que é responsable do 6% das mortes en todo o mundo segundo os datos da Asociación Española contra o Cancro.
Abel Caballero participou este venres na presentación en rolda de prensa destas 12 rutas saudables pola cidade que están abertas á participación de todo o mundo para o “fomento da vida saudable, de exercitar corpo e mente” e referiuse á inclusión de Vigo na rede de cidades saudables da FEMP, un feito que destacou a ministra de Sanidade, Carolina Darias, na súa recente visita a Vigo.
A II edición das rutas saudables en Vigo bota a andar o mércores 23 de marzo e desenvólvese ao longo de 12 semanas, con 12 itinerarios diferentes pola cidade: Castelao, Bouzas I, Lagares I, Senda da Auga, Bouzas II, Lagares II, Senda Verde- Etea, Senda Eifonso, Cabral, Lagares III, Oliveira-Castro e un Paseo a Cangas en barco. As persoas participantes dividiranse en 2 grupos, cunha camiñada semanal de unha hora e media de duración; entre 5 e 6 quilómetros de distancia aproximadamente. Serán tódolos mércores ás 10:30 horas e ás 17:00 horas.
Trátase dunha actividade gratuíta, con prazas limitadas, que deberá realizarse cada semana para que os participantes establezan o hábito de saír camiñar◦ A inscrición pode realizarse no teléfono 900 100 036 ou no mail vigo@contraelcancer.es. É posible acudir con mascotas ou bebés.
Na rolda de prensa, Martín Lázaro, presidente da Asociación Española Contra o Cancro en Vigo agradeceu a colaboración do Concello nas iniciativas da entidade e lembrou que “practicamente a metade dos tumores poderían previrse cos hábitos. É bo facer exercicio; témolo en mente e non sempre o levamos á práctica”. Neste sentido, valorou a “contorna magnífica” da cidade para facelo con esta proposta de rutas gratuitas e accesibles para que toda a cidadanía poia iniciarse e realizar máis actividade física.
Rebeca Castro, técnica de prevención da AECC, explicou que o sedentarismo é un dos catro factores de risco de contracción dunha enfermidade non transmisible, é o responsable do 6% das mortes en todo o mundo e do incremento dun 20-25% dos cancros de colon e mama.