Escoitar

Isabel Pardo de Vera recibirá a Medalla de Ouro da Cidade

O alcalde anunciou que a distinción recae na secretaria de Estado, Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana como “grande impulsora do transporte ferroviario desde Vigo”. Amais, deu a coñecer novos galardóns Vigueses Distinguidos: un ex aequo in memoriam e outro ex aequo para os centros de formación profesional de máis de cincuenta anos.

xoves, 17 mar 2022
O alcalde e Isabel Pardo de Vera na reunión que mantiveron en Vigo en decembro de 2021
O alcalde e Isabel Pardo de Vera na reunión que mantiveron en Vigo en decembro de 2021

A Medalla de Ouro da Cidade deste ano 2022 será para Isabel Pardo de Vera, anterior presidenta de ADIF e actual secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. “Foi unha grande impulsora da acción ferroviaria e do transporte ferroviario desde Vigo; unha grande impulsora do AVE por Cerdedo, do tren de alta velocidade”, apuntou Abel Caballero, poñendo en valor que foi ela quen reiniciou o estudo hidroxeolóxico desa infraestrutura despois de que o parara o goberno do Partido Popular. “Unha grande impulsora da Saída Sur e da conexión de alta velocidade de Vigo con Oporto e tamén foi a impulsora definitiva da nova estación Vialia, un gran fito histórico, que saca a Vigo do illamento ferroviario e fai a grande estación de Vigo”.

O rexedor desvelou tamén novos premios Viguesas e Vigueses Distinguidos no ámbito da educación e para recoñecer in memoriam o labor de tres persoas que traballaron pola cidade en diferentes áreas.

Serán Vigueses Distinguidos Ex aequo catro centros de Formación Profesional que superan os cincuenta anos de actividade na cidade: o Colexio Vivas (87 anos), o Colexio Hogar Afundación (74 anos), o Colexio Marcote Aceimar (59 anos) e a Politécnica Marítima Pesqueira do Atlántico que leva 57 anos

Ademais, recibirán o premio Vigueses Distinguidos ex aequo in memoriam: Carlos Alonso, veciño e comuneiro de San Andrés de Comesaña, que tal e como apuntou o alcalde foi impulsor e defensor dos montes de Vigo como espazo de benestar para a cidadanía e estivo moi comprometido tamén co Comesaña Sporting Club. Tamén Pepe Xeito (José García López), quen foi unha icona da Reconquista. Actor e dinamizador da festa, foi a persoa que máis veces representou a Cachamuíña, fíxoo “moitos anos” e foi un dos responsables do Centro Comercial Coya 4 onde rexentaba unha froitería. Por último, o galardón ex aequo in memorian irá para Vicente Rodríguez Abeijón: músico, compositor e escritor, director de diferentes corais e formacións da cidade, entre eles o Coro Universitario de Vigo ou o do Centro Cultural de Teis. Dirixiu a Coral Polifónica Helios de Bembrive durante case 45 anos e foi membro do Consello da Cultura Galega.

A gala de entrega dos premios celébrase o mércores 23 de marzo ás 20 horas do serán no Teatro Afundación.

 

Descargar todas as imaxes