A Reconquista arranca o sábado con música e a representación da destitución da Corporación
Abel Caballero explicou que este ano a celebración ocupa dúas fins de semana e comeza este sábado ás 19 horas no Berbés, co acto de cese do alcalde e da Corporación afrancesada, seguido do concerto de Carapaus ás 21 horas. O domingo continúan as actividades coa actuación de Monteira Danzas do Mundo e o espectáculo de saída das tropas napoleónicas.
Aproxímase a concorrida festa popular e Caballero recordou este mércores as propostas que abrirán a celebración da Reconquista deste ano, evento que conmemora a expulsión da cidade do exército de Napoleón no 1809.
A celebración inicia o seu programa de actividades este sábado, 19 de marzo. Ás 19 horas no Berbés, terá lugar a representación da destitución do alcalde e da Corporación municipal, “pro francesa, naquel momento”, anotou Caballero. Ás 21 horas, o público asistente poderá presenciar no mesmo lugar o concerto de Carapaus.
As funcións proseguirán o domingo, 20 de marzo, pola mañá, tamén no Berbés. Desde as 12 horas está prevista a actuación de Monteira Danzas do Mundo, antesala do espectáculo que interpreta a saída das tropas napoleónicas da cidade de Vigo, que dará comezo ás 13 horas.
Abel Caballero afirmou que a Reconquista deste ano esténdese durante dúas fins de semana. As actividades continuarán desde o venres 25 ao luns 28 de marzo, xornada do tradicional acto institucional na Praza da Independencia. A segunda fin de semana de festa contará cunha xornada previa adicada aos máis pequenos, a Reconquistiña. Será o xoves, 24 de marzo, no Berbés, con saída desde A Laxe ás 10:30 horas e actuación, dúas horas despois, de Barafunda Animación.