Escoitar

O Concello construirá un parque de skate cuberto en Navia de 2.800 metros cadrados

Abel Caballero avanzou que o orzamento da nova instalación, que contará con dúas pistas, superará os 3 millóns de euros, unha cifra que quedará concretada no proxecto técnico. Será de uso público e gratuíto.

martes, 15 mar 2022
Infografía recollida no anteproxecto do parque cuberto de skate de Navia
Infografía recollida no anteproxecto do parque cuberto de skate de Navia

O alcalde explicou na rolda de prensa deste martes que o Indoor Park de Navia será un espazo para a práctica de deportes urbanos: skate, bmx, scooter e roller, estará situado entre as rúas Ufas e Poza Cabalo, e a superficie total da actuación comprenderá 12.000 metros cadrados.

“Estamos a traballar no anteproxecto para construír un gran parque de skate cuberto en Navia”, apuntou, cuxas pistas cubertas ocuparán unha superficie de case 3.000 metros cadrados e quedarán divididas en dous sectores: unha zona rampla (park), que dispoñerá de ramplas e quarters que van desde o 1,60 aos 4 metros de altura. Terá laterais altos para impulsar con velocidade os saltos centrais como funbox, step e spine e contará cunha zona segura, foam pit (piscina escumas) e Resi (salto con recepción branda), que permite facer manobras sen lesionarse. O segundo sector será a zona de rúa (street), a zona con elementos máis baixos, con distintos obstáculos simulando a rúa, en diferentes alturas, practicables para todas as disciplinas.

Caballero apuntou que en Bilbao hai unha instalación similar, de 2.500 metros cadrados, pero é privada, mentres a de Vigo será pública e gratuíta e quedará pechada fóra das horas de uso.

En canto ao trazado da pista, o alcalde explicou que servirá para deportistas de diferentes niveis, tendo unha parte “para profesionais, para persoas que vaian competir” e outras zonas para quen se estea iniciando nesta práctica.

O parque de skate cuberto de Navia dispoñerá de zona de cantina, aseos e vestiarios e, no resto do espazo da parcela, uns 7.000 metros cadrados, tratarase como zona verde e esparexemento da contorna, con mellora das plantacións e creación de zonas de descanso.

Mentres avanza o proxecto desta dotación, o alcalde avanzou que o Concello fará unha pista de skate cuberta, de xeito provisional, “que entrará en funcionamento despois do Marisquiño”, ata que estea rematada a de Navia. “O skate cuberto comezará a funcionar en Vigo de forma inmediata, da man dos que saben facelo ben de verdade”.

Infografía recollida no anteproxecto do parque cuberto de skate de Navia
Descargar todas as imaxes