O alcalde reclama a “imprescindible” posta en marcha do PERTE do automóbil
No marco da Conferencia de Presidentes, Abel Caballero expuxo a necesidade de que os sectores do naval e da automoción de Vigo conten cun PERTE “para cumprir as súas expectativas”.
O rexedor trasladou este martes o “gran fincapé” que fixo no transcurso da Conferencia de Presidentes celebrada na Illa de La Palma que “é imprescindible poñer en marcha o antes posible o PERTE do automóbil eléctrico e conectado” co obxectivo de que cada empresa da automoción “poida cumprir as súas expectativas e iso significa atender a Stellantis Vigo e conseguir que siga sendo unha grande empresa exportadora de coches”.
Abel Caballero censurou que o presidente da Xunta de Galicia “non mencionase o PERTE nin a automoción” na súa intervención en La Palma; “non falou do automóbil en Galicia”.
O rexedor lembrou que na súa intervención tamén pediu un PERTE para o naval “que atenda singularmente ao naval privado de Vigo, que é o máis importante de Europa. Un tema que tampouco mencionou Feijóo e, como alcalde de Vigo, esíxolle que mentres sexa presidente da Xunta defenda a automoción de Vigo e o naval de Vigo”.
Amais, Caballero apuntou a necesidade imperiosa de baixar os prezos da enerxía, en concreto da eléctrica, e trasladou o seu apoio ao presidente do Goberno na rolda de contactos que vai facer por Europa para abordar o cambio na fixación dos prezos da electricidade que “nestes momentos dana as economías: a doméstica, a industria...e só favorece a unhas poucas empresas eléctricas”.