O alcalde pide ao presidente da Xunta que “se desculpe coa ministra e coa cidade”
Abel Caballero remitiu este venres unha carta a Alberto Núñez Feijóo reiterándolle que nas súas declaracións do 21 de xaneiro sobre a autovía en túnel entre Vigo e Porriño afirmou que “non se debía construír”.
“Con esta ministra opuxécheste totalmente á construción da autovía en túnel Vigo-Porriño, segundo as túas propias declaracións”, recolle a misiva, na que o rexedor olívico entende da carta que vén de recibir do presidente da Xunta que “estás rectificando e, polo tanto, ínstote a que te desculpes coa ministra e coa cidade. Rectificas porque eu alcei a voz en defensa da autovía e da cidade”.
En rolda de prensa, Caballero criticou que Feijóo negase “algo que dixo diante de toda a prensa de Galicia e que está gravado: que non era necesario facer a autovía a O Porriño en túnel. Como é unha insidia se o dixo el?”.