O Concello entrega material a 33 clubs das escolas deportivas municipais
O alcalde participou este venres no reparto de equipamento e material deportivo valorado en 18.000 euros entre 33 clubs que este ano conforman o Programa Municipal de Escolas Deportivas.
O Pavillón Central das Travesas serviu de escenario para a entrega deste material que chegará a 3.200 deportistas das diferentes disciplinas do programa municipal: patinaxe, ximnasia, rugby, baloncesto, tenis, squash, bádminton, balonmán, ciclismo, esgrima, fútbol, fútbol sala, hóckey sobre patíns e voleibol.
O alcalde informou en rolda de prensa de que o material está valorado en 18.000 euros e amais do material deportivo inclúe 1.055 caixas de máscaras, cun total de preto de 60.000 máscaras protectoras.
As Escolas Deportivas finalizarán o 31 de maio e o Concello dedica este ano 460.000 euros ao programa; unha suba de 65.000 euros respecto ao ano pasado. Caballero explicou que este ano se incrementou un 16,5% o orzamento respecto ao ano anterior porque “o deporte é unha parte da cultura da cidade e ten unha importancia capital, unha cultura de vida” e engadiu que a suba é posible porque Vigo é un concello “financeiramente sólido, con débeda cero, pagadores inmediatos e coa presión fiscal das máis baixas de España”.