Vigo rotula dous autobuses en apoio á campaña “Non todos/as somos iguais fronte ao cancro”
O 4 de febreiro se conmemora o Día mundial contra o cancro e o Concello, Vitrasa e a delegación viguesa da AECC recordan a efeméride panelando un vehículo da liña 11 e outro da C3. Ademais, todos os autobuses portan este venres rótulos exteriores e proxectan un vídeo con información sobre a campaña. Caballero: “Estaremos continuamente ao lado da Asociación”.
Xunto á concelleira de Benestar, Yolanda Aguiar, o alcalde desprazouse na mañá deste venres ata a Praza de América xunto a responsables de Vitrasa e da Asociación Española contra o Cancro en Vigo para presentar o vehículo rotulado coa campaña “Non todos/as somos iguais fronte ao cancro”, iniciativa coa que a AECC conmemora este 4 de febreiro.
“A campaña sinala as desigualdades fronte á enfermidade e a necesidade de reducilas para que todo o mundo poida facerlle fronte nas mesmas condicións”, explicou Caballero en rolda de prensa. Dous autocares que percorren a liña 11 e a C3 foron vinilados con motivos da campaña e ademais, todos os autobuses levan un rótulo exterior informando desta e, nas pantallas interiores, emiten un vídeo de sensibilización e concienciación contra esta enfermidade.
O alcalde destacou o respaldo municipal ás actividades propostas pola sede viguesa da Asociación Española contra o Cancro. A modo de exemplo, recordou que tamén os autobuses urbanos de Vigo sumáronse no pasado mes de outubro á campaña “Saca peito polas máis vulnerables”. Caballero concluíu garantindo a colaboración do Concello: “Estaremos continuamente ao lado da Asociación Española contra o Cancro en Vigo, apoiándoas con medios económicos, co ánimo e sinalando o traballo extraordinario que fan”.