O Concello dedica 1,3 millóns á humanización do último tramo de Martínez Garrido
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación das obras para completar a renovación da rúa “no máis alto estándar de Europa”. Tamén deu luz verde á remodelación do campo de fútbol de Santa Mariña cun importe de 500.000 euros.
O rexedor explicou que a actuación na cuarta fase de Martínez Garrido inclúe a renovación das redes de abastecemento, a rede de rega, a renovación de colectores de saneamento e unha nova instalación de pluviais así como o soterramento da rede de iluminación e semáforos e a instalación de xardineiras, novos farois, elementos de protección, decoración, mobiliario, semáforos e sinalización. O goberno municipal investirá 1,3 millóns de euros na humanización “no máis alto estándar de Europa”.
A Xunta de Goberno aprobou tamén o expediente de contratación das obras para executar o proxecto de renovación do céspede artificial e as instalacións no campo de fútbol de Santa Mariña-Cabral, que teñen un importe de 500.000 euros, quedando aberto o procedemento de licitación. Amais de cambiar o terreo de xogo actual para poñer un novo céspede artificial, mellorarase a iluminación, instalarase unha nova caldeira de biomasa e un colector enterrado.
Segundo expuxo Abel Caballero, o goberno de Vigo ten actuado xa en 43 terreos de xogo: 24 campos fútbol municipais e 19 campos de titularidade privada e “seguiremos atendendo tódolos campos da cidade”.
Amais, recibiu luz verde a encomenda da redacción do proxecto técnico de obras de renovación do saneamento e abastecemento da rúa Gorxal, unha zona “con situación manifestamente mellorable xa que vén de épocas moi anteriores e pendente da renovación”, que se realizará con cargo ao plan de investimentos de Aqualia.
Na área de Cultura, recibiu luz verde da Xunta de Goberno o convenio coa Federación de Bandas Populares de Música de Vigo para o desenvolvemento dos seus programas, “9 bandas que teñen practicamente como único ingreso a achega municipal de 173.200 euros”, segundo sinalou Caballero, que deu conta tamén da aprobación da subvención nominativa á “Asociación Cultural Reencanto Producións para o desenvolvemento da “X Edición do Festival Primavera do Cinema Vigo 2021” por un importe de 5.000 euros.
Cursos Marco
O alcalde informou tamén da posta en marcha de dous cursos no MARCO para os que xa está aberto o prazo de inscrición: Curso de cinema, do 21 de outubro ao 12 de maio en 23 sesións e Curso de historia da arte, do 27 de outubro ao 11 de maio en 23 sesións. Ademais, lembrou que seguen os clubs de lectura do Museo que é “de longo o mellor museo de arte contemporánea de Galicia en opinión dos expertos na materia”.