Escoitar

Vigo reclama á Xunta 2 millóns de euros para financiar comedores escolares e aulas matinais

O Pleno aprobou esta mañá, con ningún voto en contra, unha iniciativa socialista que pretende que a Xunta sufrague os comedores escolares e as aulas matinais que nestes momentos está a financiar o Concello. O edil de Educación, Gorka Gómez, lembrou na súa intervención que se trata dunha competencia exclusiva da Xunta de Galicia que, unha vez máis, desatende as súas obrigas na cidade.

mércores, 29 set 2021

O responsable municipal de Educación, Gorka Gómez, criticou esta mañá á Xunta de Galicia por non exercer as súas competencias e desatender na cidade os servizos complementarios dos centros educativos. Tal e como defendeu na súa intervención, é o Concello o que sufraga tanto os comedores escolares como as aulas matinais achegando 2,1 millóns anuais, sendo unha competencia exclusiva da goberno autonómico. O texto, que se aprobou cos votos favorables do PSOE, do grupo Mixto e do concelleiro non adscrito e coa abstención do PP, reclama que nos os próximos orzamentos galegos inclúan unha transferencia de 2 millóns ao Concello de Vigo para asumir o custo dos 24 comedores escolares, aulas matinais, bolsas de comedor e libros que están a ser financiados pola administración local.

Zonas baixas emisións

Outro dos acordos acadados na sesión plenaria desta mañá insta ao goberno local a implementar medidores para a sensorización e control das emisións reais do transporte rodado para a identificación das zonas máis contaminantes. A instancias dunha moción do grupo mixto, cunha emenda de substitución do grupo socialista, o Pleno deu luz verde a unha iniciativa na que o goberno local ratifica o seu compromiso coa posta en marcha de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) antes da finalización do presente ano, así como a valoración do seu funcionamento durante os seis primeiros meses de 2022 e, en base aos resultados, proceder a súa consolidación ou modificación, se fora preciso. A concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, reiterou na súa intervención a vontade do Concello de semipeonalizar varias zonas da cidade, con peches ao tráfico rodado durante os domingos e festivos así como a realización dun estudo para o establecemento de puntos dee recarga de vehículos eléctricos en toda a cidade. Esta emenda de substitución contou cos votos favorables do PSOE, do grupo de En Marea e do PP, mentres que o concelleiro non adscrito optou pola abstención.

 

Descargar todas as imaxes