Escoitar

Vigo lanza a homenaxe a Lodeiro cunha mostra inédita da súa “xeometría inexacta”

A Fundación Laxeiro, sita na Casa das Artes, acolle desde este xoves a exposición “Lodeiro. A xeometría inexacta”, unha composición asentada en obra pouco coñecida do artista co fío narrativo da xeometría. O alcalde avanzou que esta mostra “é o principio do recoñecemento que a cidade vai facer a Lodeiro”.

xoves, 30 set 2021
O alcalde, Abel Caballero, xunto á dona e á filla de Lodeiro, o concelleiro de Cultura, o comisario da mostra e o responsable da Fundación Laxeiro.
O alcalde, Abel Caballero, xunto á dona e á filla de Lodeiro, o concelleiro de Cultura, o comisario da mostra e o responsable da Fundación Laxeiro.

Xosé Telmo Lodeiro faleceu o 30 de setembro de hai vinte cinco anos no seu Vigo natal, efeméride que a cidade recorda con esta mostra na Fundación Laxeiro. Desde este 30 de setembro ata o 16 de xaneiro, o público pode apreciar a creatividade do pintor a través dun novo punto de vista.

Segundo explicou o comisario, Javier Pérez Buján, “a exposición nace a partir da procura de obra pouco coñecida do artista, pero que definira todo o seu traballo, tanto figurativo como non figurativo. Iso atopeino na xeometría”. Pérez Buján afirmou que “a composición xeométrica define a escultura da obra” de Lodeiro e estas pezas pouco vistas, feitas a man alzada, explican o título do proxecto. Polo tanto, a xeometría é presentada como elemento fundamental para comprender a totalidade da súa pintura, mesmo a máis figurativa.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, louvou a figura de Lodeiro, “pintor de Vigo que require do recoñecemento da cidade á súa obra, ao seu traballo, á súa excelencia”. Así, felicitou á Fundación Laxeiro pola “brillante idea” materializada este xoves na inauguración, que supón amais “o principio do recoñecemento que a cidade vai facer a Lodeiro, á súa mistura de sensibilidade pictórica e carácter forte”.

O alcalde, xunto ao comisario e ao concelleiro de Cultura, Abel Losada, visitou a exposición acompañado pola dona e a filla do autor. En declaracións aos medios, ambas amosaron a súa satisfacción e emoción pola apertura desta mostra, que se complementa cunha segunda que arranca tamén este xoves na sala Apostrophe de Vigo con obra “tamén inédita” de Lodeiro, “os últimos óleos que pintou”.

O proxecto expositivo

"Lodeiro. A xeometría inexacta" articúlase ao redor de tres lenzos de 1976 e 1979 que o autor titulou cos númeres 2,3 e 4, dándolles así un tratamento serial, como serial parece tamén o motivo e o tema, compostos nos tres casos por retículas regulares e uniformes repetidas de xeito secuencial en toda a superficie pictórica, con ricas variacións cromáticas que lles confiren un ritmo intenso.

A partir destas tres pezas despréganse un total de quince debuxos realizados con rotulador, case todos sen datar agás tres pezas de 1971, das poucas nas que a retícula non é o motivo principal e as únicas que están realizadas con técnica mixta.

Destaca un segundo grupo formado por catro pezas, nas que o motivo xeométrico varía. Trátase de catro debuxos que conforman un ensaio sobre outras posibilidades de abstracción xeométrica, cunha cadencia ben conseguida no ritmo da mirada, a través da utilización de círculos, semicírculos paralepípedos e diagonais.

O resto, oito obras en total, son todos debuxos realizados con rotulador sobre cartolina, sen dúbida da súa etapa mexicana, variacións sobre un mesmo tema que retoman a composición reticular realizada a modo de mosaico. No seu conxunto, forman un rigoroso traballo de investigación sobre as relacións entre o cromatismo e as formas cadradas, rectangulares e triangulares, contidas unhas dentro de outras.

O alcalde, Abel Caballero, xunto á dona e á filla de Lodeiro, o concelleiro de Cultura, o comisario da mostra e o responsable da Fundación Laxeiro.
Descargar todas as imaxes