O Concello estuda o proxecto de compensación do Barrio do Cura, cuxa ordenación xa está no DOG
O Diario Oficial de Galicia publicou este venres a aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM para a reordenación do ámbito do Barrio do Cura. O goberno de Vigo xa dispón do proxecto de compensación presentado pola promotora, segundo explicou Caballero, e conta con recibir “en breve” o de urbanización.
“Hoxe a aprobación do ámbito do Barrio do Cura é definitiva”, subliñou en rolda de prensa o alcalde, quen engadiu que o Concello traballa “a enorme velocidade” no estudo do proxecto de compensación que a empresa vén de entregar na Xerencia municipal de Urbanismo. Este é un dos dous proxectos que a promotora debe presentar ante o Concello antes de iniciar as obras; o outro, o de urbanización, será remitido “en breve espazo de tempo”, en verbas de Caballero. “Isto significa que aquelo que dicía de que dentro duns meses haberá grúas no Barrio do Cura xa é unha realidade incontestable”, manifestou o alcalde.