O Concello cubrirá con interinos 15 prazas de Bombeiros e ultima a incorporación doutros 16 efectivos
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres as bolsas de emprego, das que se tirará para sumar quince bombeiros máis ao servizo municipal. Ademais, “de forma inmediata” está previsto que entren os 16 funcionarios que están completando o curso selectivo previo.
“Neste momento estamos con 31 novos efectivos de Bombeiros que se incorporarán ao seu traballo na cidade de Vigo”, explicou este venres Abel Caballero. Os que o farán antes serán os dezaseis que están neste momento completando o curso previo e xa contan con praza -nomeada hai un mes polo goberno de Vigo- con cargo ás prazas vacantes das oposicións realizadas.
En función destes procesos selectivos, o Concello conformou bolsas de emprego (de bombeiro e de conductor-bombeiro) ás que acudirá para dotar ao servizo municipal de quince efectivos máis. Estas listas de interinos foron aprobadas este mesmo venres pola Xunta de Goberno Local.