Escoitar

O alcalde, sobre a hostalería: “Non é bo culpar aos que non teñen a culpa”

“Non se entende culpar á hostalería, non creo que sexa unha boa decisión”. Despois dunha entrevista con representantes do sector, Abel Caballero censurou as restricións á hostalería polo Covid, xa que esta actividade “non é a responsable” e os contaxios prodúcense en reunións privadas e botellóns. Pola contra, o rexedor valorou o cumprimento da normativa por parte dos locais.

xoves, 19 ago 2021
Foto de familia, previa á celebración da reunión
Foto de familia, previa á celebración da reunión

En declaracións ante os medios de comunicación posteriores á reunión, Caballero afirmou que se constata “o cumprimento das normas pola inmensa maioría da hostalería viguesa”, unha actividade que non é “responsable” da expansión do coronavirus, pois “os contaxios estanse a producir noutros lugares”, como reunións privadas e botellóns onde non se toman as debidas precaucións.

O alcalde avogou por adoptar medidas para frear a evolución do Covid, mais “as decisións que se están tomando contra a hostalería non significan reducir a pandemia, que se ten que reducir doutra forma, con máis e máis eficaz vacinación e desde logo facer cumprir as normas en todas partes, na hostalería, que xa se cumpre, e fóra da hostalería, que moitas veces non se cumpre”.

“En Vigo neste momento temos practicamente un cheo total, é un dos mellores momentos de verán da cidade”, afirmou Caballero. “Hai un bo comportamento, son compatibles a hostalería e o aloxamento con seguir baixando o Covid”. Nun momento no que ao sector “estalle a ir un pouco ben” coa afluencia turística, “non é bo culpar aos que non teñen a culpa”, xa que as limitacións ademais producen “penuria económica”.

Descargar todas as imaxes