Escoitar

Patrimonio Histórico amosa o seu traballo a prol da recuperación do patrimonio marítimo no Salón Náutico de Vigo

venres, 25 mai 2001
imx265.jpg
A aula do mar, os oficios tradicionais relacionados coa extracción pesqueira e os traballos de recuperación da escola taller de carpintería de ribeira, ocupan 160 m2 de exposición nun salón no que a posta en valor da cultura marítima obtén un importante protagonismo.

Xunto á Concellería de Patrimonio Histórico, que participa con dous equipamentos etnográficos como o Aula do Mar e o Centro de Artesanía Tradicional, atópase a Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, que expón o traballo realizado pola Escola Taller de Carpintería de Ribeira na recuperación de vellas emarcacións tradicionais.

A Federación Galega pola Cultura Marítima, pola súa banda, amosa, xunto ó espacio expositivo do Concello, embarcacións tradicionais como unha dorna, unha gamela coruxeira ou un bote polbeiro, entroutras, así como o traballo que desenvolven as diferentes asociacións que a compoñen a prol do patrimonio marítimo.

Entre modernos barcos e avanzados artiluxios para a navegación de recreo, o Concello e a Federación Galega pola Cultura Marítima crean, así, un espacio propio para reclamar dos visitantes do Salón Náutico de Vigo a posta en valor do noso patrimonio cultural.

Durante a fin de semana o Concello desenvolverá talleres didácticos e obradoiros de pesca. Os rapaces poderán coñecer as diferentes especies de interese pesqueiro, a cestería do mar, os diferentes fondos da ría de Vigo, co uso de cebeiros e sondas de pedra, e ós máis cativos poderán coñecer, a través do guiñol, a vella lenda mariñeira galega “a lenda dos Mariño”.

A Concellería de Patrimonio Histórico amosa, así mesmo, o seu proxecto de recuperación do buque Bernardo Alfageme, salvado do despezamento e acollido en doazón polo Concello o pasado ano. O proxecto contempla a reparación do buque e a súa localización no Porto da cidade para usos turísticos e culturais.
Descargar todas as imaxes