Escoitar

Declaración do Concello de Vigo ante o asasinato de Santiago Oleaga

venres, 25 mai 2001
ETA acaba de corroborar ante os ollos de todo o mundo o seu absoluto desprezo pola democracia, pola vontade da maioría dese pobo ao que din defender. Só uns días despois de que a inmensa maioría dos vascos refrendaran nas urnas a súa decidida aposta por un sistema democrático de liberdades, os terroristas ofrécennos outra mostra de tiranía e terror.

Escollendo como víctima a Santiago Oleaga, Eta confirma que o seu afán totalitario e fascista busca eliminar todos os dereitos fundamentais inherentes ás persoas. Atacan o dereito á vida, o máis básico, pero apuntan tamén directa e explicitamente ao dereito a pensar e expresármonos libremente.

Estamos ante uns asasinos sen escrúpulos, incapaces de entender principios como a tolerancia, o respeto ao diferente, a convivencia en paz... Ante esta xente só cabe manter unha actitude de firmeza, de aguerrida defensa dos valores que nos unen a todos os demócratas. Na unión e na convicción de que a razón nos asiste está a nosa forza.

Hoxe, en nome da corporación municipal, quérolles expresar un testemuño de pesar e de solidariedade á familia e aos achegados a Santiago Oleaga. Lamentamos profundamente a súa morte, outro asasinato inútil que serve unicamente para causar dor e para reforzar a nosa unidade fronte aos violentos.

Esa unidade é a que demostramos nesta concentración e a que desexamos que os vigueses e viguesas fagan patente participando nos actos que se convocan na cidade a prol da paz e contra o terrorismo.

Vigo, 25 de maio de 2001