"O Goberno de España, desde que chegou Pedro Sánchez, atendeu á cidade como ningún goberno na historia”
Abel Caballero lembrou o desbloqueo da nova estrutura ferroviaria da cidade – saída sur en alta velocidade, nova estación e accesos e a liña Vigo-Ourense por Cerdedo – fronte ao Goberno no que Ana Pastor era ministra de Fomento que “tiña todo parado”
O alcalde desexou “o mellor” ao novo Goberno de España tras la incorporación das novas ministras e ministros. Caballero fixo fincapé nas obras que desbloqueou o Executivo de Pedro Sánchez: a nova estrutura ferroviaria coa saída sur en alta velocidade, a nova estación e os accesos e a futura liña de alta de velocidade Vigo-Ourense por Cerdedo. Tamén apuntou outras infraestruturas como a Autovía A55 en túnel ata O Porriño, a Avenida de Madrid, a conexión da AP9 con Buenos Aires, o abastecemento de auga a Vigo, a Biblioteca do Estado e Biblioteca de Teis e o Paseo Marítimo de Bouzas.
O rexedor manifestou a súa satisfacción polas novas ministras que chegan da política municipal: a nova titular de Política Territorial, exalcaldesa de Puertollano; Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, exalcaldesa de Gavà; e Ciencia e Innovación, exalcaldesa de Gandía. Tamén puxo de manifesto que Pilar Alegría, agora responsable de Educación e FP, foi a candidata do PSOE ás Eleccións Municipais do 2019 en Zaragoza e a lista máis votada.
Abel Caballero apuntou que “estamos na nova política” e que “a política debe facerse de forma distinta. Borrando fronteiras e gobernando para todos”. Ademais, ofreceu o “modelo Vigo como modelo de acción que é o modelo de atender á xente e satisfacer as necesidades. É a nova política”, sentenciou.