Escoitar

“Que poña gratuítos os aparcamentos do Cunqueiro; non lle pido nada á Xunta que non estea facendo xa o Concello”

O alcalde clamou este luns contra os estacionamentos de pago do hospital de Beade-Valladares, en contraposición ao parking municipal, que vén de ser mellorado e asfaltado e ofrece máis de 400 prazas de balde. Logo da reforma, poderá ser empregado desde este martes ás 8 horas.

luns, 12 xul 2021
Abel Caballero ofreceu a rolda de prensa presencial e telemática
Abel Caballero ofreceu a rolda de prensa presencial e telemática

Abel Caballero comparou este luns o aparcamento gratuíto municipal cos prezos do estacionamento soterrado, “altísimos para un hospital que está a cinco quilómetros da cidade, ao que é obrigado ir en autobús ou no automóbil”. O do Concello, moi próximo ao centro, reabre este martes ás 8 horas logo das actuacións de asfaltado e melloras nos accesos e para vehículos para persoas de mobilidade reducida.

“Seguimos esixindo da Xunta de Galicia que poña gratuítos todos os aparcamentos do Cunqueiro, igual que fai o Concello de Vigo; non lle pido á Xunta nada que non estea facendo xa o Concello”, argumentou Caballero. Ademais, insistiu en demandar ao goberno de Núñez Feijóo que ceda á administración local unha parcela da que dispón con cualificación urbanística apta para construír un segundo estacionamento gratuíto municipal no entorno do Álvaro Cunqueiro.

Tamén en materia sanitaria, o alcalde quixo trasladar este luns en rolda de prensa a súa felicitación ás profesionais a cargo da vacinación contra o Covid, ao tempo que censurou ao conselleiro de Sanidade e á Xunta de Galicia “polo mal que están a organizar o sistema”. Caballero afirmou que este luns están citadas 12.000 persoas no IFEVI, o que está a causar retencións de tráfico, e asegurou que acontece nunha xornada con menos vixilantes do Sergas atendendo ao estacionamento no recinto feiral de Cotogrande.

Por último, Abel Caballero referiuse á visita este luns da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, ás obras de construción do centro de saúde de Bouzas, “mini reducido centro de saúde”, en verbas do alcalde, que foi minorado á metade con respecto ao proxecto orixinal. Coa metade das consultas, sen pediatría e pasando de 1.300 a 600 metros cadrados, “haberá que entrar de perfil”, ironizou Caballero, quen recordou que o Concello adquiriu o terreo por case 700.000 euros e o puxo á disposición da Xunta hai catorce anos, co que acumula un atraso “ao menos de dez anos” no inicio das obras.

Descargar todas as imaxes