O alcalde valora a actuación coordinada coa hostalería fronte á pandemia
Abel Caballero mantivo un encontro este luns co sector hostaleiro da cidade para analizar o comportamento da fin de semana que resultou “moi bo” co peche de zonas e a actuación da Policía Local e Nacional.
Á reunión convocada polo goberno municipal asistiron César Ballesteros, presidente de Feprohos, e representantes da Asociación de Comerciantes do Casco Vello, de Hostalería Churruca, de Zona Náutico e do ocio nocturno.
Abel Caballero salientou que “actuamos coordinados e o resultado foi moi bo” e avanzou que este xoves, 15 de xullo, volverá manter un encontro co sector: “seguimos xuntos, a hostalería e o Concello facendo fronte á pandemia”, engadindo que da “boa acción esta fin de semana, teremos bos resultados en dez días”.
O rexedor trasladoulles aos asistentes que a actuación da hostalería e do ocio nocturno durante a pasada fin de semana foi “moi boa con centos de locais cunha actuación magnífica, que souberon gozar do ocio de forma controlada”. Apuntou que “fomos quen de controlar o botellón co peche de zonas e a actuación da Policía Local e Nacional, con moito esforzo” porque malia o respecto xeralizado ás normas, rexistrouse algún grupo que requiriu que os efectivos policiais tiveran que facer un “seguimento e vixilancia intensa” en diferentes zonas da cidade.
Fronte á cooperación municipal co sector hostaleiro de Vigo, o alcalde censurou a ausencia da Xunta de Galicia: “recibiu 1.410 millóns de euros e seguen sen dedicar ni un euro a hostalería e comercio”.