Escoitar

Vigo estrea a primeira aplicación para compartir taxi

A app Compartaxi xa está dispoñible para descarga nas principais plataformas e permite tanto pedir como compartir un taxi, abaratando o seu custo. O alcalde, que saudou con entusiasmo a proposta, participou este martes na presentación xunto ao presidente da Central Radio Taxi Vigo, Manuel Chorén, e o director de YoTaxi, Héctor Prego.

martes, 13 xul 2021
Foto de familia, este martes no Salón de Plenos do Concello
Foto de familia, este martes no Salón de Plenos do Concello

Caballero enxalzou a importancia dun modelo “moderno e distinto” de prestar un servizo no que “se aproveita máis o espazo e se abarata para os usuarios”, ao tempo que posibilita “facer máis e mellor” aos traballadores. O alcalde destacou o papel “primordial” do taxi na cidade e dedicou unhas verbas a Manuel Chorén -que se vai xubilar e deixar a presidencia da Central Radio Taxi-, a quen definiu como “un home de gran importancia nesta cidade, polo seu traballo e a forma de dirixir unha profesión tan importante”.

Compartaxi está dispoñible desde este mesmo martes para descarga nas principais plataformas, segundo indicaron tanto Chorén como Prego na presentación, ambos cofundadores da app, co que Vigo se converte na primeira urbe na que opera, á espera da súa chegada a outras cidades de Galicia e España.

Segundo sinalan os promotores, Vigo converteuse nos últimos anos nunha das cidades máis punteiras de España e o sector do taxi debe seguir crecendo e adaptándose a este continuo crecemento. Compartaxi forma parte dunha nova revolución de consumo mundial: a economía colaborativa. A tecnoloxía está a cambiar modelos de negocio tradicionais ao enfocarse realmente nas necesidades dos consumidores e, neste sentido, o futuro do taxi pasa tamén por adaptarse ao que os usuarios demandan.

En máis de 110 anos de historia do sector do taxi, este será sen dúbida un dos seus cambios máis significativos, que supoñerá un cambio de paradigma. Os socios de Central Radio Taxi Vigo esperan que a app Compartaxi traia consigo a recuperación económica que tanto necesita o sector nestes momentos e axude a que os habitantes de Vigo sigan confiando no sector do taxi para os seus desprazamentos.

Compartaxi é a app exclusiva para taxis oficiais, coa que os profesionais do taxi poderán prestar servizo a diferentes usuarios aforrando custos. Innovación e calidade únense para garantir a excelencia no servizo, unindo aos profesionais do taxi e aos clientes que se dirixen a un mesmo destino, algo que veñen reclamando os clientes desde hai tempo –sobre todo o público máis novo–.

Descargar todas as imaxes