Escoitar

O goberno de Vigo licita a humanización da rúa Troncoso e adxudica un novo tramo de Hispanidade

A Xunta de Goberno Local deste venres, segundo informou Caballero, deu luz verde a estes trámites para dúas novas humanizacións máis na cidade. A remodelación de Troncoso presenta un orzamento de 362.000 euros e a de Hispanidade, no treito entre Pintor Colmeiro e Zamora, ascende a 772.000 euros.

venres, 5 mar 2021

Pasos adiante para dúas novas humanizacións impulsadas polo Concello. O goberno de Vigo adxudicou os traballos de humanización dun segundo tramo da rúa Hispanidade, o comprendido entre as rúas Pintor Colmeiro e Zamora, que dará continuidade á primeira fase xa acometida, entre Zamora e a Gran Vía. Segundo explicou Caballero, a obra conta cun orzamento de 772.000 euros e un prazo estimado de execución de catro meses. “Unha humanización de altísimo estándar, unha nova rúa que imos humanizar”, valorou o alcalde sobre a Hispanidade.

O proxecto prevé manter a coherencia estética e funcional coas humanizacións do entorno, coa ampliación das beirarrúas -que serán de pedra natural-, dous carrís de circulación, unha fila de estacionamentos e a renovación das canalizacións soterradas de abastecemento de agua, saneamento, pluviais e alumeado público. A reforma completarase con pasos de peóns accesibles, xardineiras, papeleiras e a creación de zonas de estancia. Caballero explicou que o arborado actual será transplantado a outro punto da cidade e reposto por outros exemplares.

En segundo lugar, o goberno vigués validou a contratación das obras de humanización da rúa Troncoso, un proxecto que recolle un importe de 363.000 euros e tres meses de prazo de execución. A Xunta de Goberno Local aprobou os pregos de condicións a acordou a apertura do proceso de licitación pública.

Logo da remodelación, Troncoso será “unha nova rúa” que “ninguén vai recoñecer”, asegurou Caballero, con novas redes de saneamento, colectores, abastecemento, pluviais e rego, ademais de beirarrúas de granito, xardineiras, arborado, nova iluminación, mobiliario urbano, sinalización e semaforización. O alcalde puxo en valor que estas dúas novas humanizacións superan os 1,1 millóns de euros, “máis do que fixeron algúns alcaldes en catro anos”.

Ascensor García Barbón – Vía Norte

A Xunta de Goberno Local celebrada este venres tamén adxudicou o concurso de ideas, a nivel de anteproxecto, para o elevador que, sobrevoando a autoestrada, unirá Serafín Avendaño co teito da futura estación de Urzáiz deseñada por Thom Mayne. Por unanimidade do xurado, o gañador foi o proxecto HALO, presentado pola enxeñería Arenas e Asociados coa colaboración do estudio vigués [AM]2 e de Noarq, estudio portugués parte do equipo de Álvaro Siza, premio Pritzker de arquitectura no ano 1992. Segundo clasificado resultou o proxecto Aditus 7500 e terceiro, Madera por las nubes. O Concello fará entrega dos tres primeiros premios o próximo mércores ás 13h, segundo anunciou o alcalde este venres, outorgando 70.000 euros ao primeiro clasificado, 40.000 ao segundo e 30.000 ao terceiro.

O estudio do equipo gañador -que proxectou un acceso circular dobre desde a tapa da estación ata os dous ascensores que salvarán case 42 metros de desnivel con Serafín Avendaño- redactará o proxecto de execución e asumirá a dirección facultativa da obra. Os prazos estimados ofrecidos hoxe venres polo alcalde apuntan a seis meses para a redacción do proxecto, outros seis para a licitación e adxudicación das obras e entre dez e doce meses para completar a construción. O orzamento total se eleva a 7,21 millóns de euros.