O Concello programa dúas semanas de actividades para conmemorar o Día da Muller
Os actos comezan o vindeiro luns, 8 de marzo, co Pleno monográfico do Consello Municipal da Muller, e esténdense ata o día 18 con conferencias, charlas, contacontos e outras accións baixo o lema “Visibilizando a desigualdade. Reclamando os nosos dereitos”.
O alcalde, a concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, e a vicepresidenta do Consello Municipal da Muller, Purificación Bernárdez Álvarez, presentaron este venres a programación coa que o Concello celebra este 2021 o Día Internacional da Muller, marcado pola pandemia que obriga a desenvolver a actividade online.
Desde o vindeiro luns, o edificio consistorial lucirá a bandeira feminista e a web municipal lucirá un lazo violeta co lema da xornada: “8 de marzo-Día Internacional das Mulleres”, desde o que se poderá acceder á programación diaria. O lema da xornada e o anuncio do programa de actos tamén será proxectado nas pantallas da rotonda de Rosalía de Castro e das ramplas da Gran Vía. Ademais, o 8 de marzo, o Concello iluminará de violeta as fontes da rúa Aragón, Praza América e a Pérgola de Praza América.
A programación municipal comeza o 8 de marzo ás (10:00 horas) coa celebración dun Pleno virtual do Consello Municipal da Muller (retransmitido en directo a través de Youtube).
As “Xornadas 8M - Visibilizando a desigualdade. Reclamando os nosos dereitos”, con conferencias online para abordar a prostitución, violencia de xénero, muller e deporte, LGTBIQ no ensino, corresponsabilidade ou os coidados desenvólvense entre o 9 e o 11 de marzo co programa que segue:
Martes, 9 de marzo:
17:00 horas: Inauguración por parte de Abel Caballero Álvarez
17:15h: “A realidade da prostitución en Galicia. Unha aproximación dende Vigo”. Asociación Faraxa
18:15h.: “Profesións do deporte. Somos as mulleres unha materia pendente?”. Asociación Mudega
Mércores, 10 de marzo:
17:00h: “Violencia de xénero en tempos de pandemia: entre virus e maltratadores”. Miguel Lorente Acosta
18:00h: “Visibilidade das mulleres LBTIQ no ensino: percorrido imprescindible cara a igualdade”. Ana Ojea Alonso
19:00h: "Avanzamos cara a corresponsabilidade? O novo marco da lei de equiparación dos permisos por nacemento". Carmen Castro García
Xoves, 11 de marzo:
17:00h: “Os coidados, novos desafíos dende o feminismo”. Priscila T. Retamozo Ramos
18:00h: “Migrando ás fronteiras dixitais: prostitución 2.0”. Mabel Lozano
Ademais, o martes, 16 de marzo (18:00 horas) desenvolverase unha contada de Igualdade “Semente de Igualdade Ernestina Otero”, a cargo de Polo Correo do Vento. Para nenas e nenos a partir de 4 anos; unha actividade acompañada de lingua de signos, que poderá seguirse en liña a través da plataforma ZOOM.
O mércores 17 de marzo (18:00 horas) haberá unha visita guiada á ruta en feminino “Sons de mulleres”, a cargo de María Casar, que pode seguirse de xeito telemático con ZOOM. É unha ruta interactiva incluída na APP VIGO e estará operativa desde o 8 de marzo.
O xoves 18 de marzo (18:00 horas) Iolanda Zúñiga ofrece en liña un recital aberto de poesía de xénero. Amais, durante o mes marzo realizarase a entrega dos Premios de Igualdade “Ernestina Otero” 2020 e 2021.