Escoitar

O Concello reabre ao tráfico Alfonso XIII ata o 22 de febreiro

O alcalde informou que, desde este xoves ás 11h ata o 22 de febreiro, se permitirá a circulación rodada desde Baixada á Estación ata Alfonso XIII, unha vez derrubado o paso elevado que conectaba Lepanto coa autoestrada. Caballero adiantou ademais que a inicios de marzo comezará a demolición da actual estación de Urzáiz.

mércores, 3 feb 2021

Este xoves ás 11 horas o Concello reabrirá provisionalmente ao tráfico a rúa Alfonso XIII -á que se accederá desde Baixada á Estación-, pechada durante a obra de demolición do paso elevado de Lepanto e que volverá a cerrarse algo máis de dúas semanas despois, o 22 de febreiro, para dar continuidade aos traballos de construción dos accesos á estación (nos que se invisten 11,8 millóns) e de remodelación da Praza da Estación e da propia Baixada á Estación (cun orzamento de 1,9 millóns).

Caballero puxo en valor que será a primeira vez “en décadas” que se circule por Alfonso XIII sen pasar por debaixo dun túnel de 2,5 metros de gálibo, recentemente derrubado polo Concello e o último vestixio do “scalextric” que sobrevoaba Lepanto para conectar a Gran Vía coa autoestrada. Desde este xoves e ata o 22 de febreiro, os vehículos poderán descender desde Urzáiz a García Barbón por Baixada á Estación e Alfonso XIII. Pouco despois, a inicios de marzo -segundo avanzou o alcalde- comezará a demolición da actual terminal ferroviaria provisional de Urzáiz, imprescindible para o avance dos traballos da nova estación do AVE e das conexións viarias.

As obras avanzan na futura estación do AVE de Urzáiz e no seu entorno. Neste momento, trasladou Caballero, na Praza da Estación o Concello xa está traballando na cimentación que dará cabida á fachada de pedra da antiga terminal ferroviaria, que será reconstruída contra o muro de Urzáiz e finalmente recuperada. De 1881, o frontal foi desmontado e almacenado en Redondela, logo de quedar sen uso en 1990.

Por outra banda, a administración presidida por Abel Caballero promove dous elevadores para dar servizo á zona: un que conectará García Barbón coa estación e Vía Norte (cun orzamento de 7,2 millóns de euros e en fase de resolución do concurso de ideas) e outro desde a Praza da Estación ata a unión de Urzáiz con Vía Norte, un proxecto xa aprobado polo goberno de Vigo que sairá a licitación por 424.000 euros.