Escoitar

O Concello eleva un 7,5% a súa achega ao MARCO, que programa unha decena de mostras no 2021

O alcalde e o director do centro avanzaron este martes a programación para este ano, con exposicións de Din Matamoro, Mónica Alonso, Mar Vicente, Salvador e Juan Cidrás, Rosendo Cid, Glenda León, Manuel Quintana Martelo, Alfredo Alcaín e o Maratón Fotográfico “Concello de Vigo”. Precisamente a institución presidida por Abel Caballero incrementa o seu apoio ata os 650.000 euros.

martes, 2 feb 2021
Abel Caballero, con Miguel Fernández-Cid
Abel Caballero, con Miguel Fernández-Cid

Xunto ao director, Miguel Fernández-Cid, e ao concelleiro de Cultura, Abel Losada, o alcalde presentou este martes un avance da programación que acollerá este ano o MARCO vigués, aprobada na reunión do Padroado da Fundación celebrada o pasado xoves de forma telemática. O céntrico museo -que reabre este 2021 as salas de exposicións da planta baixa, recuperando para o público algúns dos espazos singulares do edificio- acollerá nove proxectos expositivos e recibirá do Concello un 7,5% máis de transferencia directa, pasando dos 605.000 euros do 2020 aos 650.000 euros este ano.

Na súa intervención, o alcalde subliñou que o MARCO “foi quen de arraigar de forma notable na cidade, en Galicia e en España”, un museo “apreciado e valorado” que conta un director de “enorme prestixio”. Abel Caballero trasladou que “o noso apoio ao MARCO é incuestionable e vai continuar sempre” e, pese aos tempos de “crise e dificultade”, o Concello decidiu incrementar a súa achega. Pola súa banda, Miguel Fernández-Cid recoñeceu a “resposta positiva inmediata” do Concello cando houbo que arranxar os patios do edificio e agradeceulle o incremento dos fondos transferidos nun momento no que, argumentou o director, manter a contía xa sería considerado como un respaldo, dúas medidas “que inciden no apoio á cultura” e en especial ao MARCO.

Abel Caballero fixo balance dun 2020 no que o recinto conseguiu manter a súa actividade cultural e expositiva en condicións sanitarias seguras, ademais de facer melloras no propio edificio e ampliar a colaboración con outras institucións e museos. No tocante ao avance da programación do 2021, a reapertura das salas expositivas da planta baixa terá “4 Proxectos” como protagonistas, unha mostra con exposicións de Mónica Alonso, Mar Vicente, Rosendo Cid e Salvador e Juan Cidrás, do 26 de marzo ao 29 de agosto. A mediados de abril se inaugurarán as exposicións de Din Matamoro (“Etérea”) e de Glenda León (“Música das formas”), que se prolongarán ata o verán. Para o último trimestre do ano, o MARCO conta coa exposición “Containers” de Manuel Quintana Martelo, a obra do pintor madrileño Alfredo Alcaín e a colectiva do Maratón Fotográfico “Concello de Vigo”, cunha dobre exposición coas obras gañadoras en edicións anteriores e, en segundo lugar, cos traballos seleccionados como finalistas na última edición.

Descargar todas as imaxes