Escoitar

O alcalde traslada a Almuíña a oposición “frontal” do Concello a calquera recheo na ría

Abel Caballero recibiu este venres ao novo presidente do Porto, reunión “cordial” na que insistiu na negativa municipal a novos recheos. O rexedor ofreceu “diálogo” para un Plan de Usos “respectuoso” coas zonas de confluencia Porto-cidade e que “atenda ás necesidades” de ambas partes.

venres, 22 xan 2021
Jesús Vázquez Almuíña e Abel Caballero, este venres na Alcaldía
Jesús Vázquez Almuíña e Abel Caballero, este venres na Alcaldía

“Os recheos na ría de Vigo acabaron para sempre”. O alcalde de Vigo reiterou este venres a posición municipal ao respecto, “categoricamente inamovible”, logo da entrevista celebrada co novo titular da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña.

“Opoñémonos frontalmente a calquera recheo”, comunicou en rolda de prensa posterior Abel Caballero, quen si manifestou a disposición do goberno vigués a gañar atraque sen afectar á ría, considerando outras alternativas como por exemplo a construción de silos que multiplicarían por catro o espazo, opción “medioambientalmente e visualmente inocua”.

En segundo lugar, o rexedor referiuse ao Plan de Usos que tramita o Porto, que “vai na dirección contraria” do proposto polo Concello, xa que “non só non cede espazos senón que recupera algúns que xa estaban desafectados”, por exemplo en Bouzas ou na Avenida de Beiramar. O Concello ofrece “diálogo” para elaborar un documento “respectuoso” coas zonas de confluencia Porto-cidade e que “atenda as necesidades” de ambas partes.

No eido estritamente portuario, o alcalde trasladou a súa “cooperación” a Vázquez Almuíña para unha utilización máis conveniente dos espazos portuarios e tamén para mediar coa Zona Franca e ADIF, para que o Porto poida empregar solo destas institucións. A modo de exemplo, Caballero nomeou o terreo de Adif en Isaac Peral e recordou a proposta municipal de uso compatible coa cidade. Por outra banda, Abel Caballero volveu rexeitar o proxecto ferroviario ata Bouzas “rompendo a cidade” e que a propia factoría de PSA Peugeot Citroën de Balaídos non quere. Para Caballero, unha “pésima decisión” sequera propoñelo.

O alcalde tamén citou a necesidade de prolongar o actual túnel de Beiramar. “Temos que ir buscando financiamento e vexo para a Xunta de Galicia”, manifestou Caballero, quen tamén avanzou que “pronto” solicitará a ampliación da concesión dos actuais pasos inferiores, de titularidade portuaria e polos que o Concello abona un canon anual.

As reunións entre a Autoridade Portuaria e o Concello de Vigo continuarán con dúas comisións técnicas da man da directora do Porto e da concelleira de Urbanismo, segundo informou o alcalde, mais sempre desde a “posición inamovible” contraria aos recheos e á ocupación de espazo da cidade.

Descargar todas as imaxes