Escoitar

Caballero reitera á Xunta a urxencia de que convoque o Padroado do Ifevi

O rexedor reuniuse este xoves con Arsenio Prieto, xerente do Recinto Feiral de Vigo, quen lle dixo descoñecer os proxectos do goberno autonómico para as instalacións. Amais, adianta que convocará unha reunión con Conxemar nos vindeiros días para abordar a situación da ampliación do recinto.

xoves, 21 xan 2021
O alcalde e os tenentes de alcalde María Xosé Caride e Javier Pardo no encontro con Arsenio Prieto
O alcalde e os tenentes de alcalde María Xosé Caride e Javier Pardo no encontro con Arsenio Prieto

Tralo encontro o alcalde volveu urxir á Xunta de Galicia a que convoque o Padroado do Ifevi para que este saiba do “indicio de proxecto” de instalacións deportivas anunciadas polo presidente Feijóo e que descoñecen tanto o Ifevi como o Concello de Vigo, que xa expropiou o solo para doar á Xunta e que esta faga a ampliación do Ifevi.

Lembrou Caballero que a Xunta de Galicia manifestou nun escrito ao Concello que o proxecto de ampliación do Ifevi non se cambiou, senón que “segue igual sen proxecto deportivo” polo que o alcalde considera que “isto empeza a ser unha especie de entelequia, que non sabemos de que vai”. Así, avanzou que convocará unha reunión nos próximos días cos responsables de Conxemar xa que é “importantísimo” que a ampliación estea a tempo para a celebración da vindeira feira pero por agora “só hai incertezas, mentiras, presentacións”.

O rexedor apuntou que no espazo no que Feijóo anunciou as pistas de atletismo entran camións de 30 toneladas “que van pulverizar as pistas de tartán que son flexibles. Foi unha ocorrencia”, censurou, mencionando tamén que o goberno autonómico deberá pagar o alugueiro do pavillón ao Ifevi, que custa 5.000 euros diarios.

 

Descargar todas as imaxes