Escoitar

O Concello reserva 424.000 euros para o ascensor panorámico da Praza da Estación

Abel Caballero informou este xoves de que a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o proxecto de instalación dun elevador ata a unión de Urzáiz con Vía Norte, cun orzamento de 424.000 euros e cinco meses de obras.

xoves, 21 xan 2021

Co paso elevado de Lepanto case que derrubado, a transformación do entorno da estación de Urzáiz vai tomando corpo. Se as previsións se cumpren, este 2021 verá a apertura da nova estación do AVE, o acceso á autoestrada por túnel desde Lepanto e a humanización da Baixada á Estación e da Praza da Estación, esta última cun ascensor que conectará coa unión de Urzáiz e Vía Norte.

O goberno de Vigo aprobou este xoves o proxecto de instalación do elevador panorámico, cun orzamento de 424.000 euros e cinco meses de obras, co obxectivo inicialas no verán para que funcione desde finais deste ano. Informouno hoxe Abel Caballero en rolda de prensa e explicou terá capacidade para trece persoas e unha parada intermedia de acceso ao centro Vialia. A obra inclúe unha rede de evacuación e canalización das augas pluviais e unha rede eléctrica soterrada, e na unión de Urzáiz con Vía Norte, pavimento de granito, zonas axardinadas e mobiliario urbano.

Por outra banda, o Concello tamén executará a obra de humanización da Praza da Estación e da Baixada á Estación, cun orzamento de 1,9 millóns de euros e traballos que se prolongarán durante un prazo estimado de seis meses. A fachada de pedra da vella terminal ferroviaria, almacenada durante décadas, será ensamblada contra o muro de Urzáiz.

Cultura

Abel Caballero tamén deu conta este xoves da aprobación das transferencias de fondos do Concello ao Museo Liste e á Fundación Laxeiro para o seu funcionamento durante o 2021. A cidade destina 125.000 euros ao Etnográfico, que representa máis do 92% do seu orzamento, mentres que achega outros 80.000 euros á Fundación Laxeiro, o 67,5% dos seus ingresos.

O alcalde criticou que a Xunta de Galicia adique unicamente 15.000 euros á Fundación Laxeiro, o 12% do seu orzamento, mentres que non achega nada ao Museo Liste, sostido case que exclusivamente con fondos municipais.

Contencioso-administrativo

O goberno vigués, reunido este xoves, aprobou a interposición dun novo recurso contencioso-administrativo contra a liquidación remitida pola Xunta de Galicia para cofinanciar dúas escolas infantís de titularidade autonómica, a segunda do ano 2020.

O alcalde censurou que o goberno de Núñez Feijóo lexislara para obrigar aos concellos ao pago, que ascende a 205.500 euros anuais -desde 2017- no caso dos centros para nenos de cero a tres anos. Ademais, o Concello abona outros 350.000 euros anuais á Xunta de Galicia polos centros de día autonómicos de Teis, Coia e Lavadores, polo mesma norma aprobada pola Xunta de Galicia.

O Concello argumenta que o réxime de confinanciamento é contrario á Constitución e á Lei de Financiamento das Comunidades Autónomas, que no prevé como fonte de financiamento a detracción de ingresos dos entes locais.