O Pleno da vía libre á recuperación urbanística do Barrio do Cura
O alcalde cualificou esta aprobación como un “gran avance” na historia da cidade que suporá unha recuperación “extraordinaria” dunha zona moi deteriorada no centro de Vigo. A modificación puntual do Plan Xeral saíu adiante esta mañá cos votos favorables de PSOE e PP, co voto en contra de Marea e a abstención do concelleiro non adscrito.
O pleno do Concello de VIGO aprobou este xoves, nunha sesión extraordinaria, a modificación puntual do Plan Xeral de 1993 para reordenar e urbanizar o ámbito do Barrio do Cura, cos votos favorables de PSOE e PP, o voto en contra de Marea de VIGO, e a abstención do concelleiro non adscrito. A edil de Urbanismo, María José Caride, defendeu que esta modificación permitirá a "transformación integral" dese ámbito, que é "imprescindible" debido á "degradación" e á situación de " insalubridade" da zona, en pleno centro da cidade, á beira do Casco Vello. Ademais, engadiu, esa urbanización complétase con actuacións públicas na contorna, como a peonalización de Porta do Sol, a próxima recuperación da Panificadora ou as melloras de mobilidade a través do programa Vigo Vertical.
Caride tamén subliñou que o proxecto de urbanización respecta o patrimonio histórico, contempla a creación de 300 prazas de aparcamento, zonas verdes, unha gran praza e prevé un 30 por cento de vivenda protexida. "Esta vez vai en serio, e vai rápido", proclamou. Na mesma liña, o voceiro do grupo socialista, Carlos López Font, dixo que “este goberno está a coser as feridas da cidade, facendo que salga unha nova pel brillante". O edil do PSOE celebrou que o goberno resolva "unha cuestión histórica pendente". O Pleno deste xoves aprobou inicialmente a modificación do Plan en Vigor. Superado este trámite, e á espera dun informe preceptivo de supervisión de Ordenación do Territorio da Xunta, someterase a aprobación definitiva.
Oposición
O voceiro municipal do PP, Alfonso Marnotes, recoñeceu que a recuperación do Barrio do Cura é un "vello anhelo da cidade", que permite poñer fin á degradación á beira do Casco Vello. Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal Marea de Vigo, Rubén Pérez, expresou a súa oposición á forma en que se vai a urbanizar este ámbito, no seu maior parte propiedade dun fondo privado e, finalmente, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, tamén cuestionou a urxencia da modificación do PXOM de 1993.