O Concello amplía o prazo para o programa municipal “Vigo en Inglés”
Debido á crise sanitaria provocada pola pandemia do Covid-19, o Concello de Vigo prorroga o contrato para xestionar o programa “Vigo en Inglés” e o alcalde avanza que se traballa coa previsión de poder desenvolver a iniciativa de inmersión lingüística como opción preferente entre a 2ª quincena de xuño e a 1ª de xullo de 2021.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este mércores quo o Concello aprobou en Xunta de Goberno Local a ampliación do prazo de execución do contrato para a xestión, organización e desenvolvemento do programa municipal de inmersión lingüística “Vigo en Inglés 2020”, como consecuencia do Covid-19 e as medidas adoptadas polas administracións.
O Concello aproba así o recoñecemento da imposibilidade de execución do contrato e amplía o prazo por un período igual ao tempo perdido, condicionado a que cesen as circunstancias que determinan esta imposibilidade e acredite que está en condicións de retomar a execución do contrato, previo informe favorable.
“Unha vez aprobada en Xunta de Goberno a prórroga do programa “Vigo en inglés”, imos a informar nos vindeiros días ás familias sobre a decisión e sobre a intención do Concello de cumprir co programa en canto as condicións sanitarias o permitan”, sinalou Caballero.
O alcalde apuntou que Concello de Vigo segue a traballar coa previsión de poder desenvolver a edición “Vigo en Inglés 2020” como opción preferente entre a 2ª quincena de xuño e a 1ª de xullo de 2021. “Seguiremos co programa e haberá becas tamén para os que lle toca o 2021”, destacou.
Axudas de emerxencia
Ademais, o rexedor informou de que entre os meses de marzo e de setembro, ambos incluídos, o Concello adicou 1.278.102 euros a axudas de emerxencia, que inclúen as axudas dos comedores escolares). Respecto aos mesmos sete meses de 2019, o incremento en 2020 chegou ao 269%.