Escoitar

O alcalde pon en valor o comportamento da cidade nos lumes de 2017

Abel Caballero asistiu este xoves ao acto de lembranza do terceiro aniversario da vaga de incendios que sufriu Vigo, celebrado no Parque Maruxento de Matamá, no que se descubriu unha placa recoñecendo o labor das forzas de seguridade, das comunidades de montes e das persoas particulares na loita contra o lume.

xoves, 15 out 2020
Momento do acto no Parque Maruxento de Matamá
Momento do acto no Parque Maruxento de Matamá

O Parque Forestal Maruxento de Matamá acolleu a celebración do acto conmemorativo deste terceiro aniversario para lembrar o momento dramático vivido hai tres anos e no que "a cidade se comportou", en palabras de Caballero, "fomos quen de facerlle fronte cos nosos propios medios, actuou sola e fomos quen de rematar o lume en doce horas, polo que volvo felicitar á cidade por aquel comportamento", lamentando que a Xunta de Galicia non enviase axuda para sufocar os incendios.

No acto descubriuse unha placa conmemorativa de agradecemento ao labor dos corpos e forzas de seguridade, ás comunidades de montes e á cidadanía que cooperou para acabar cos lumes de hai tres anos.

Ademais, o alcalde informou da aprobación na Xunta de Goberno Local de mañá venres do expediente de contratación por procedemento aberto do contrato de servizos de desbroce e limpeza da biomasa vexetal en fincas con risco de incendio, unha competencia, dixo, que a Xunta de Galicia delegou nos concellos que deben notificar aos propietarios a obriga de limpar esas franxas secundarias. No caso de que estes non actúen os municipios deben facer esta limpeza de forma subsidiaria, derivando a factura do custo, posteriormente, aos titulares das parcelas. O contrato ten un importe de 525.000 euros para os anos 2020 e 2021.

Segundo expuxo o rexedor, Vigo conta con máis de 34.000 parcelas suxeitas a esta limpeza, ao estaren en franxas secundarias do monte, das que un número importante ten propietario descoñecido, que foron publicados no BOE pero que ao non asumir a obriga é o goberno municipal quen realiza a limpeza e desbroce.

Caballero sinalou tamén que o goberno municipal ten proxectada a construción dun anel verde nos montes de Vigo; unha ronda vexetal para illar o lume cun orzamento de construción de 7,5 millóns de euros e un ancho de 100 metros nalgunhas zonas, para permitir a mobilidade dos camións de bombeiros e configurando un gran cortalumes. Será unha zona preparada con vexetación autóctona que contribúa a evitar a expansión do lume. O Concello enviou o proxecto básico ao goberno autonómico e "nunca máis soubemos disto", dixo o alcalde, que criticou que a Xunta obrigue aos concellos a "facer traballos que deben facer eles e que non sexan capaces de autorizar esta gran construción do Concello".

Descargar todas as imaxes