O alcalde non permitirá que unha conexión con ferrocarril a Bouzas “rompa a cidade"
Abel Caballero amosou esta mañá a súa oposición ao trazado de ferrocarril a Bouzas que prantexa a Autoridade Portuaria nun estudo realizado en 2018. Deste xeito, o Concello súmase á negativa do Ministerio de Transportes porque a proposta “rompería dramaticamente” a cidade de Vigo.
O alcalde advertiu esta mañá de que non vai “tolerar” un tren polo medio da cidade tal e como propón o estudo de alternativas da conexión ferroviaria da terminal de Bouzas elaborado en 2018 pola Autoridade Portuaria. Advertiu de que a proposta “rompería dramaticamente” a cidade atravesando, entre outras zonas, a Gran Vía, o río Lagares, a avenida Castelao, Coia, unha parte da avenida de Europa, a urbanización de Sotavento, ademais de propoñer outro viaduto sobre a ría. “Nunca vou tolerar un tren polo medio da cidade”, insistiu, “non vai pasar e o quero dicir con toda a claridade”, nun momento, engadiu, no que hai que velar polo medio ambiente, con rúas humanizadas e peonalizadas ao servizo da cidadanía.
En rolda de prensa, o rexedor defendeu que Portos do Estado non inclúa entre os seus proxectos unha conexión que tampouco ten o visto bo do Concello. Cuestionou a súa necesidade, explicando que a factoría Citroën “non quere tren na fábrica” polo esta conexión “so sería útil para o transporte de vehículos importados e romper a cidade deste xeito non parece ser unha boa estratexia”. A conexión partiría de Bouzas cun viaduto sobre a Ría e chegaría á zona da urbanización Sotavento que quedaría illada entre a VG20 e esa nova infraestrutura. Proseguiría pola Avenida de Europa, pola zona verde de Coia -pasando ao lado das casas baixo un falso túnel que producirá “insoportables” vibracións -. Chegaría ás Travesas, á Gran Vía -por debaixo do instituto Santo Tomé -para chegar ao río Lagares onde se construiría un novo viaduto cara a unha saída sur que non existe. Unha vez descrita a proposta, rematou subliñando que o informe municipal sería “radical e consistentemente” negativo para evitar “un desaguisado” como o que se propón.