Escoitar

O goberno local dedica 3,5 millóns de euros á xestión das escolas municipais de música e danza

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación da contratación dos servizos de xestión parcial, docencia e desenvolvemento da Escola Municipal de Música de Vigo, da E-Trad e da Escola Municipal de Danza.

venres, 9 out 2020

O alcalde informou dos acordos este venres en rolda de prensa explicando que a adxudicación se realiza por un prazo de catro anos co obxectivo de facilitar a nenos e mozos da cidade a posibilidade de estudar música, música folk e tradicional e aprender danza nas escolas do Concello. “Son 3,5 millóns de euros que dedicamos á formación en cultura: manter a cultura musical, tradicional, folk e danza na cidade”.

A Xunta de Goberno adxudicou a contratación dos servizos de xestión parcial, docencia e desenvolvemento da Escola Municipal de Música de Vigo por un importe de 1.785.000 euros; da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional (E-Trad) por 1.024.000 euros e da Escola Municipal de Danza de Vigo por 601.000 euros.

En total, fórmanse nas escolas municipais unha media de 910 alumnos por curso (500 na de música, 330 na E-Trad e 80 na de danza).