Concello e Deputación invisten 4,5 millóns de euros en humanizacións na cidade
A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión deste xoves os convenios coa Deputación Provincial de Pontevedra que inclúen 26 actuacións conxuntas no rural ás que se suman outras tres humanizacións conveniadas no centro da cidade. Abel Caballero e Carmela Silva destacan a importancia da cooperación de ámbalas institucións.
O alcalde informou en rolda de prensa dos acordos acadados amosando a súa ledicia pola importancia desta "cooperación", tanto polos recursos como polo significado que ten ao ser "a primeira vez - dixo- na historia da cidade que a Deputación atende a Vigo como se merece e nós non queremos nada que non sexa o dereito de Vigo, queremos ver recoñecido o noso dereito e agradezo infinito a Carmela Silva o seu traballo desde a Deputación, sin quitarlle nada a ningún outro municipio, en favor de Vigo".
A presidenta provincial explicou que o modelo de infraestruturas que segue a Deputación é o que "o concello de Vigo puxo en marcha hai tempo, ligado á recuperación do espazo público para a xente, para a mobilidade do século XXI, garantindo a accesibilidade e actuando en todo o territorio; no centro e no conxunto das parroquias". Para a Deputación, apuntou a presidenta, "Vigo é un pulmón fundamental para o desenvolvemento de toda a provincia e do conxunto de Galicia e todas as administracións teñen a obriga de investir en todos os concellos, particularmente Vigo, en todos os concellos facemos o que debemos facer.
A Xunta de Goberno aprobou humanizacións na cidade, en convenio coa Deputación Provincial de Pontevedra que ascenden a 4,5 milóns de euros, repartidos entre o rural, case 3 millóns de euros, e o centro, 1,7 millóns de euros. Deste orzamento, o Concello achega 1.097.00 euros e a Deputación 3.361.000 euros.
As actuacións conxuntas no rural de Vigo comprenden as seguintes rúas: Estrada da Venda, Beade; Estrada José Rivas, Coruxo; Subida a Relfas, Sárdoma; Paradela, Teis; Camiño da Pomba, Valadares; Estrada da Balsa, Matamá; Severino Covas, Rúa Sarabio, e Camiño Noiana en Lavadores; Penís de Abaixo, Cabral; Rúa Aguadiña e rúa Areeiro, Sampaio; Rúa Vista do Mar, San Xoán Poulo; Rúa Coutadas, Salgueira; Abade Juan de Bastos, Matamá; Subida Relfas e Estrada Fragosiño en Sárdoma; Rúa Relfas, Beade; Rúa Eifonso, Bembrive; Rúa Costa Gándara e Rúa Pouleira en Beade; Estrada Foxo, Camiño Quinta, Camiño Pinal e Camiño Simona en Valadares; Rúa Viña Grande, Alcabre; Camiño Pomba, Valadares e Estrada Cidáns, Zamáns.
Aprobáronse tamén os expedientes de contratación de tres grandes humanizacións no centro: Taboada Leal (entre Venezuela e ronda de Don Bosco), Serafín Avendaño (entre Areal e Rosalía de Castro) e Hispanidade (entre Zamora e Pintor Colmeiro).