Escoitar

Abel Caballero visita o complexo dunar de O Vao tras ser declarado Espazo Natural de Interese Local

“O crecemento da duna leva aparellado un crecemento da praia, estamos gañando espazo, cada vez ten máis area, e isto mesmo está a suceder en Samil, quero praias en Vigo coas dunas”, asegurou o alcalde tras un percorrido polo Vao.

venres, 9 out 2020
O alcalde, durante a visita.
O alcalde, durante a visita.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou este venres O Vao que ven de ser declarado pola Xunta de Galicia como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para manter a recuperación e a protección iniciada hai máis dunha década.

Tal e como explicou o alcalde na súa comparecencia ante os medios de comunicación, as medidas tomadas polo Concello durante a última década permitiron que actualmente a duna teña 7,7 metros de altura sobre o nivel do mar (1,7 metros máis desde 2010), 21 metros de ancho (4,6 metros recuperados nos dous últimos años e 11 metros desde 2010), 220 especies de flora e fauna, perdidas hai 20 anos, e un aumento de dous metros de vexetación dunar.

Ademais, agora mesmo existen xa especies pioneiras que colonizaron 30 metros máis alá do peche perimetral. “Celebramos moitísimo a declaración de espazo de interese tras un percorrido iniciado polo meu goberno en decembro de 2008. A Xunta nunca se deu ningunha presa e tras aprobación definitiva en 2017 empezamos a ter dificultades, así en xuño de 2019 cando Costas e o Ministerio dan o aprobado a Xunta pide unha copia en castelán”, sinalou.

O alcalde tamén apuntou os beneficios para o areal do Vao. “O crecemento da duna leva aparellado un crecemento da praia, estamos gañando espazo, cada vez ten máis area, e isto mesmo está a suceder en Samil, quero praias en Vigo coas dunas, quero eliminar aquela barbaridade que se fixo de meter un paseo na metade da duna en Samil”, dixo Caballero.

O importe global para a xestión do territorio incluído no devandito plan de conservación por parte do Concello é de 815.652,52 euros, que se destinarán principalmente á restauración e conservación dos hábitats dunares, á eliminación de especies invasoras, á xestión do uso público, ao mantemento do propio ENIL, á potenciación da conectividade do espazo coa contorna e á protección da paisaxe. A ampliación do coñecemento científico e as accións de divulgación, sensibilización e educación tamén están previstas nesta planificación.

 

Descargar todas as imaxes