Vigo celebra a batalla mural do VI Festival de arte urbana o 26 de setembro
O Concello abre o prazo de inscrición neste concurso no que 12 participantes amosarán a súa creatividade arredor dun tema segredo ata o comezo da batalla. O vindeiro 26 de setembro desenvólvense tamén as III Xornadas de Arte Urbana Vigo Cidade de Cor coa presenza de artistas nacionais e internacionais.
Abel Caballero informou este xoves da celebración da “Batalla mural” do VI Festival Urbano Vigo Cidade de Cor o vindeiro sábado 26 de setembro na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, na rúa Chao.
Tal e como apuntou, trátase dun concurso de graffitis no que 12 artistas amosarán a súa capacidade creativa realizando unha obra arredor dunha temática que o Concello lles facilitará o mesmo día do concurso. Traballarán nun mural de 2 por 2,5 metros, dende as 10 da mañá ata as 18 horas da tarde e un xurado comunicará ao final da xornada o nome da persoa gañadora, que terá a oportunidade de participar na seguinte edición do programa de medianeiras.
O alcalde explicou que o goberno municipal tratará de que a maior parte das obras sexan realizadas “ez zonas ao aire libre para que quede alí a pintura”. A inscrición na batalla mural pode facerse a través da web municipal ciudaddecolor.vigo.org ata o 24 de setembro.
Xornadas de arte urbana
Ademais da batalla mural, o 26 de setembro o Concello celebra as III Xornadas de arte urbana na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, en modalidade presencial e online. Contarán coa presenza de artistas nacionais como David de la Mano e internacionais como dúo Amazonas e os directores dos festivais internacionais de arte urbana de Waterford Walls en Irlanda (Edel Tobin) e do festival Crystal Ship de Bélxica (Bjorn Van Poucke) compartirán a súa experiencia no desenvolvemento destes eventos.