Escoitar

Concello e Vegalsa Eroski reeditan a súa colaboración no programa ambiental “Vigo, camiño a camiño”

O alcalde, Abel Caballero, e o director da empresa, Joaquín González, rubricaron este xoves o convenio polo que Vegalsa Eroski achega 18.000 euros para a nova edición do programa medioambiental “Vigo, camiño a camiño”, que oferta este outono oito rutas circulares.

xoves, 10 set 2020
Joaquín González e Abel Caballero asinaron o convenio de colaboración
Joaquín González e Abel Caballero asinaron o convenio de colaboración

O acto tivo lugar no establecemento que a compañía ten no número 54 da Avenida García Barbón, previa visita ao remodelado espazo. Caballero e González fixeron efectiva a renovación do acordo entre as partes coa sinatura do convenio deste ano.

Na súa intervención, o alcalde definiu o “Vigo, camiño a camiño” como “un programa de éxito” que enlaza con valores como os saudables e os medioambientais que a sociedade aprecia agora incluso máis pola pandemia. Caballero agradeceu o traballo da empresa e a súa “dimensión social”, e amosouse “moi orgulloso dos montes de Vigo, do noso medioambiente e de Vegalsa Eroski, que coopera con nós” cunha cifra “significativa”. Por parte de Vegalsa Eroski, Joaquín González enxalzou a iniciativa mediaombiental que promove o Concello de Vigo e trasladou a súa satisfacción por poder continuar colaborando un ano máis.

A edición de outono do “Vigo, camiño a camiño” arranca o 19 de setembro e contará con oito rutas circulares entre este mes e o seguinte, coa novidade de que finalizarán cunha actividade de carácter cultural. Xunto ao alcalde e ao director de Vegalsa Eroski, no acto tamén estiveron presentes a concelleira de Medioambiente, Nuria Rodríguez, a directora de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación da entidade, Gabriela González, e o presidente de Montes de Vigo, Uxío González, entre outros.

Joaquín González e Abel Caballero asinaron o convenio de colaboración
Descargar todas as imaxes