Escoitar

O goberno de Vigo aproba os convenios de cesión de terreos da humanización da estrada Porto-Beade

Logo de pasar pola Xerencia de Urbanismo, a Xunta de Goberno Local validou este luns os convenios urbanísticos por cesión gratuíta dos terreos afectados pola execución do proxecto de humanización da estrada de Porto-Beade. Abel Caballero puxo en valor que Concello e Deputación adican 3,5 millóns á reforma.

luns, 10 ago 2020

A cambio desta cesión solicitada á veciñanza para a actuación de mellora e humanización da vía, o Concello recoñécelles que, se nalgún momento hai aproveitamento urbanístico, computaríanselle os metros cedidos á ampliación. Con todo, o proxecto incorpora a posibilidade de facer modificacións na obra para axustarse ás parcelas non cedidas polos propietarios.

O proceso de recoñecemento e cesión dos terreos dilatouse por mor do Covid-19, que impediu que se cumprira o prazo de exposición pública e que obrigou a suspender os tempos co Estado de Alarma. As obras poderán retomarse unha vez asinados os convenios ratificados este luns polo goberno vigués.

Abel Caballero recordou que a da Estrada de Porto-Beade é “a humanización, no ámbito rural da cidade, máis importante que se fixo nunca na historia”, con 3,5 millóns de euros de orzamento, 18 meses de prazo estimado de obras e 1,3 quilómetros de rúa a remodelar. A Deputación abona o 70% do custo; o 30% restante, a cargo do Concello de Vigo.

No rural, o alcalde recordou que o Concello traballa tamén nas reformas de Penís de Abaixo (Lavadores), estrada da Balsa e Juan de Bastos (Matamá), estrada da Venda (Beade) e Caiero e Figueiras (Cabral), por importe total de 4,5 millóns. “E a isto”, anunciou Caballero, “vanlle seguir corenta humanizacións en corenta rúas adicionais”.