O Concello recuperará as galerías soterradas da fortaleza do Castro para abrilas ao público
O alcalde e Carmela Silva visitaron este venres as obras de recuperación e posta en valor da muralla do Castro, que se executan en convenio do Ministerio de Fomento, e nas que apareceron as galerías, que estaban tapiadas parcialmente, e que agora se acondicionarán para facelas accesibles ás visitas.
Caballero sinalou en rolda de prensa que as galerías soterradas da Fortaleza son propias deste tipo de construcións militares. Data do segundo terzo do século XVII, arredor de 1670, un momento de frecuentes invasións por mar no que se constrúe o baluarte para defender a cidade. A súa utilidade era ampla: desprazamento de persoas e materiais a cuberto, zona de refuxio ou almacenaxe de todo tipo de intendencia.
As galerías estaban abandonadas e tapiadas parcialmente malia seren accesibles ata os anos 90. Agora, durante as obras que realiza o goberno municipal, quedou limpa e acondicionada unha parte á que se accede polo extremo norte, entre os baluartes do Couto e do Diamante. Teñen 2,5 metros de altura no centro e 1,5 metros de ancho na base, co teito lixeiramente abovedado e escavado na roca. Ademais, na parte superior da parte central da Fortaleza hai unha saída das galerías que se descubrirá durante as obras.
O rexedor adiantou que o Concello “continuará a investigación, acabando a reconstrución das galerías para facelas visitables” e confesou, trala visita, que estar no interior “produce un certo impacto”. A lenda sostén, segundo citou, que existiría outra galería que comunicaría co castello de San Sebastián aínda que “é pouco probable”.
Sobre as obras que se están realizando para recuperar e poñer en valor a muralla do Castro, en convenio co Ministerio de Fomento cun orzamento de 785.000 euros, Abel Caballero sinalou que o obxectivo é converter o baluarte e a muralla nun “elemento central da cidade e que sexa visible desde o conxunto da urbe”, para o que se prevé a súa iluminación.
Amais, o alcalde apuntou a liña dos traballos que se están a desenvolver: a conservación e recuperación de elementos propios da mesma coa limpeza, reparación e consolidación da muralla para reparar a perda de estabilidade estrutural, a eliminación de elementos e construcións discordantes, a reorganización da accesibilidade ao monumento e mellora da súa integración ambiental na paisaxe urbana.