Escoitar

O VI Programa municipal de medianeiras inclúe 16 murais cun orzamento de 259.000 euros

Abel Caballero avanza que “temos a ambición de ser a cidade de España con máis arte ao aire libre e imos nese camiño”, logo de detallar que o programa leva xa 84 murais pintados na cidade con 49 centros educativos sumados ao proxecto. Amais eloxia a “calidade artística maxistral” das obras realizadas.

xoves, 6 ago 2020

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a adxudicación da contratación das obras do sexto programa de medianeiras do ano 2020 que ten un orzamento de 259.000 euros e un prazo de execución de 3 meses para pintar 16 murais nas seguintes rúas: San Roque, Aragón, Avenida Ramón Nieto, Cantabria, Avenida Guixar, Avenida Atlántida, Vilagarcía de Arousa, Ronda de Don Bosco, Venezuela, Avenida da Florida, República Arxentina, rúa Coruña, rúa Palencia, IES O Castro, rúa Regueiro e rúa Chao.

Neses espazos está previsto que se eliminen os tratamentos anteriores, se limpen os muros e se mellore o recubrimento existente, aplicando pintura plástica na superficie a decorar e, unha vez pintado, aplicarase unha capa de verniz protector á intemperie. O programa inclúe tamén a recuperación dos murais anteriores que requiren tratamentos puntuais polo paso do tempo e haberá 100.000 € destinado a realizar actividades culturais e didácticas relacionadas co programa de arte.

Con esta sexta edición o Concello suma xa 84 murais urbanos polo que “empezamos a ser unha das grandes cidades de Europa cun nivel importante de arte ao aire libre”, habendo en Vigo “murais marabillosos, de calidade artística maxistral, que transformaron zonas case marxinais en zonas visitadas e artísticas”. Amais apuntou que hai 49 centros educativos que pintaron os seus muros ao abeiro do programa avanzando que “imos continuar coa ambición de ser a cidade de España con máis arte ao aire libre e imos nese camiño”.