Vigo prosegue coas súas festas de verán, con 272 actuacións de 143 formacións distintas
O alcalde avanzou este mércores o programa cultural e festivo dos meses de agosto e setembro, con música, teatro, regueifas, poesía e danza, con especial atención ao público infantil. Abel Caballero puxo en valor un formato que ofrece propostas por toda a cidade.
De cara aos meses de agosto e setembro, o Concello de Vigo programa 72 concertos de bandas e corais, case que medio centenar de música e baile tradicional e preto dun cento de actividades para os máis pequenos, con música, teatro, contacontos e maxia, entre outras. Vigo tamén ofrece máis de setenta actuacións de teatro, circo e música para un público máis familiar e adulto, regueifas, espectáculos que conxugan poesía e piano e charlas de divulgación científica. Todas estas propostas terán lugar por toda a cidade.
En Villa Solita, o Concello combina unha proposta de coñecemento do patrimonio seguida de música en directo, os venres de agosto e os dous primeiros de setembro, cun aforo máximo de 30 persoas por orde de chegada. No Centro de interpretación do mundo romano de Toralla, a idea pasa por conectar a recreación histórica coa música, con catro concertos a cargo das orquestras Vigo 430 e da Clásica de Vigo, cun aforo máximo de 120 butacas, tamén por orde de chegada.
Engadiu o alcalde que o Concello organiza quince concertos de diferentes estilos de música que reunirán a case que corenta artistas da escena local viguesa. Todos eles comezarán ás 22 horas e serán desde o 21 de agosto ata o 13 de setembro.
En total, contando coas xa celebradas ao longo do mes de xullo e as que están por vir nos meses de agosto e setembro, o Concello de Vigo realizará 272 actuacións nas que intervirán 143 artistas e formacións diferentes, todas elas de acceso gratuíto.