Escoitar

O alcalde sinala que a Xunta debe asumir o sobreprezo dos comedores escolares de Vigo

Abel Caballero mantivo un encontro por videoconferencia cos responsables da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo que lle trasladaron as dificultades que teñen para prestar os servizos de comedor o próximo curso respectando o protocolo sanitario establecido pola Xunta de Galicia.

luns, 10 ago 2020
O alcalde no transcurso da videoconferencia
O alcalde no transcurso da videoconferencia

 

O cumprimento desas normas, segundo lle expuxeron ao rexedor, “significa un sobrecusto moi importante e din que non están en condicións de facerlle fronte”. O vindeiro xoves manterán un encontro para tomar decisións sobre como afrontar esta situación.

Caballero amosou o seu recoñecemento ao servizo que presta Foanpas que é “moi importante porque practicamente tódolos comedores de tódolos colexios de Vigo” son xestionados pola entidade e apuntou que apoia que o protocolo sanitario en comedores “sexa o máis estrito posible pero é a Xunta quen ten que facerse cargo do sobreprezo; non se pode derivar aos nenos e nenas” que fan uso dese servizo.

Así, explicou que a Xunta de Galicia “vai recibir case 100 millóns de euros do Goberno de España para destinar a educación e de aí teñen que saír os recursos para que Foanpas poida seguir con esta prestación”.

Limpeza colexios

O rexedor olívico referiuse tamén ao Protocolo de adaptación ao Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 20/21 que establece normas como a limpeza tres veces ao día durante a xornada lectiva de aseos, ximnasios e espazos de uso común, o reforzo de limpeza en superficies de uso frecuente (mesas, mobles, teléfonos, percheiros), a limpeza de zonas privadas de traballadores, vestiarios, cociñas e a desinfección xeral do centro e o mobiliario. Ata agora, facíase unha limpeza diaria, ao remate das clases.

Abel Caballero dixo apoiar este protocolo da Xunta de Galicia “e creo que cantas máis medidas que garantan a limpeza e desinfección se tomen, mellor” apuntando que o custo da limpeza dos 52 centros educativos públicos de Vigo, que asume o Concello, é de 2,9 millóns de euros. As esixencias deste protocolo incrementarían esta cantidade ata os 700.000 euros anuais “que tería que pagar a Xunta de Galicia que é a que recibe os case 100 millóns de euros do Goberno para afrontar eses custos e ten a competencia sanitaria en Covid-19”.

O goberno municipal espera que a Xunta comunique quen asume a desinfección, se debe facela o Concello para, nese caso, aboar as cantidades correspondentes. “Estamos dispostos a cooperar e facelo, temos experiencia, desinfectamos de forma continua a cidade pero os colexios son competencia da Xunta e debe facerse cargo dos 700.000 euros anuais” de custe, sinalou Caballero.

 

Descargar todas as imaxes