Escoitar

Abel Caballero destaca a importancia dun Pacto Nacional polo Turismo no pleno da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes

O alcalde e presidente da FEMP participou na Comisión Plenaria da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, xunto ao Rei e á ministra Maroto, e apostou por “non dar nada por perdido”. Felipe VI trasladou o seu apoio a unha tempada turística segura e de calidade

xoves, 11 xuñ 2020
O alcalde participou mediante videoconferencia
O alcalde participou mediante videoconferencia

O alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, defendeu este xoves a idea de destino seguro e o uso das novas tecnoloxías para manter a expectativa da tempada turística. Durante a súa participación na Comisión Plenaria da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, en presenza do Rei Felipe VI e da ministra Reyes Maroto, apostou por “non dar nada por perdido” e defendeu que “pospoñer sempre é mellor que cancelar”. Caballero, ademais, destacou na reunión a proposta da FEMP dun pacto nacional polo turismo coa implicación directa das Entidades Locais e a participación das Comunidades Autónomas e todo o sector.

No marco deste encontro abordáronse os grandes retos que se expoñen actualmente ao sector turístico e que Caballero concretou en retomar o turismo, ofrecer seguridade sanitaria ao 100%, crear corredores sanitarios, apostar por novas formas de facer turismo e de manter a calidade, diversificación turística, desestacionalización e a utilización das novas tecnoloxías para levar adiante o proceso de desenvolvemento turístico. Trátase, asegurou, de cuestións moi relevantes para esta rede que conta con 200 destinos: "estou seguro de que esta Rede converterase nun elemento esencial para que o sector turístico español salga máis reforzado e que servirá de impulso para que as Entidades Locais españolas adopten modelos de gobernanza que melloren a calidade de vida tanto dos cidadáns como dos visitantes".

Descargar todas as imaxes