Escoitar

O goberno local aproba a humanización da Estrada da Venda e das rúas Caeiro e Figueiras

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobará este xoves os proxectos para humanizar tres rúas nas parroquias da cidade. Trátase da Estrada da Venda, en Beade, e das rúas Caeiro e Figueiras, en Cabral.

mércores, 10 xuñ 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou en rolda de prensa de que a Xunta de Goberno Local aprobará este xoves os proxectos para humanizar tres rúas en dúas parroquias do rural vigués, en Beade e Cabral.

Así, o goberno local ten previsto dar o visto e prace ao proxecto de construción de beirarrúas na Estrada da Venda, en Beade, cun orzamento de licitación de 269.360 euros, para facilitar o tránsito de peóns na marxe dereita da vía ao longo de 630 metros e outros 30 metros na marxe esquerda. Tamén están incluídas a canalización de pluviais baixo a beirarrúa e a iluminación exterior. O prazo estimado de execución é de 4 meses.

No caso do proxecto de construción nas rúas Caeiro e Figueiras-Cabral, o orzamento de licitación é de 173.555 euros e actuación inclúe unha beirarrúa de 1,50 metros de ancho, ao longo de 500 metros na marxe esquerda e 80 metros no dereito. Tamén canalización de pluviais, iluminación exterior, colocación de 3 bancos e sinalización horizontal, cun prazo estimado de obras de 3 meses.