Vigo obtén as trece bandeiras azuis que solicitou para praias e sendeiros
As bandeiras azuis ondearán nas dez praias e nos tres sendeiros que o Concello pediu para este verán, tal e como vén de confirmar a organización que as concede. Samil repite por segundo ano consecutivo, xunto aos areais de A Punta, Carril, Tombo do Gato, Argazada, Fontaíña, O Vao, Canido, Fortiñón e Rodas.
A cidade contará este verán con dez praias con bandeira azul e outros tres sendeiros coa mesma distinción. Adeac, a entidade que avalía e resolve as propostas recibidas, publicou este martes o seu listado para este ano e o Concello de Vigo recibe tantas bandeiras azuis como solicitou.
Polo tanto, Vigo volve sumar como no 2019 trece distincións azuis, dez en praias e tres en sendeiros; o mesmo número pero non os mesmos areais, xa que este ano o Concello decidiu solicitala para a praia de Carril, en Alcabre, en lugar da de Figueiras, nas illas Cíes. A finais de xaneiro, o goberno de Vigo tramitou a solicitude e argumentou a decisión por ser o de Carril un areal urbano de maior afluencia que o do arquipélago.
No tocante aos sendeiros, o “Camiño a Beiramar”, a senda entre faros das illas Cíes e a senda litoral e do monte da Guía, en Teis, renovan este verano unha distinción azul coa que xa contaron en anos anteriores.