Escoitar

O Concello adicará un millón de euros a contratar a 101 parados co “Vigo Emprega”

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves as bases para a selección do persoal e a relación das obras a acometer no segundo semestre do ano. A contratación primará a colectivos con dificultades de inserción laboral e está cofinanciada con fondos FEDER da Unión Europea dentro do proxecto “Vigo Vertical”.

xoves, 11 xuñ 2020
O salón de Plenos acolle as roldas de prensa do alcalde para manter as distancias de seguridade
O salón de Plenos acolle as roldas de prensa do alcalde para manter as distancias de seguridade

Abel Caballero deu conta da aprobación na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves, validando as bases que determinarán a selección do persoal a contratar entre os candidatos propostos polos servizos públicos de emprego e tamén as obras que acometerán durante seis meses a partir do 1 de xullo.

Segundo explicou o alcalde, o “Vigo Emprega” conta cun orzamento dun millón de euros cofinanciado con fondos FEDER da Unión Europea, dentro da estratexia “Vigo Vertical”, e reserva mínimos para contratar a persoas con dificultades de inserción laboral, como discapacitados, menores de 30 anos na procura do seu primeiro emprego, mulleres, maiores de 45 anos e parados de longa duración.

O Concello empregará a 101 profesionais actualmente sen traballo: tres capataces de construción, catorce oficiais de albanelería, un oficial electricista, dous oficiais fontaneiros, tres oficiais de carpintería (un de aluminio, outro metálica e outro de madeira), dous oficiais pintores, un oficial mecánico de maquinaria, cinco oficiais de xardinería, doce oficiais de condución, corenta peóns de construción, dezaseis peóns de xardinería-forestal, un auxiliar administrativo e un técnico auxiliar en Prevención de Riscos Laborais.

Abel Caballero tamén relatou as obras que se realizarán na cidade no marco desde proxecto municipal, desde o un de xullo e cun prazo de seis meses: reparación de escaleiras e beirarrúas no rural, rehabilitación de lavadoiros municipais, pintado de varandas, actuacións de mellora no parque do Castro, eliminación de barreiras arquitectónicas, remodelación de baños en distintos colexios públicos da cidade, reformas no parque central de servizos, nos centros municipais de distrito e locais de emprego, no edificio do Concello e no refuxio da Madroa.

Tamén se levarán adiante traballos en materia de medioambiente, como a eliminación de especies invasoras nas dunas, desbroces en Fontaíña, no paseo do Lagares e nas zonas de paso das praias, colocación de pasarelas de acceso a distintos areais ou reparación das casetas dos socorristas. “Vigo Emprega” prevé ademais obras de mellora en VigoZoo, na Casa da Xuventude, en VigoSónico e na sala da ludoteca do pavillón de Coia.

CC.OO.

O goberno de Vigo deu luz verde este xoves ao proxecto de convenio coa unión comarcal de Comisións Obreiras de Vigo, ao que presta un apoio que roza os 37.000 euros. O apoio, tal e como trasladou Caballero, dá continuidade ao de anos anteriores para a organización de actividades como, por exemplo, unhas xornadas informativas sobre o impacto do Covid-19 no sistema produtivo.

Neste eido, o texto do convenio engade unha nova liña de colaboración ante as repercusións da crise do coronavirus no ámbito sociolaboral. Se prevé reforzar o asesoramento xurídico aos traballadores mediante a contratación dun graduado en Relacións Laborais que proceda do desemprego.

Descargar todas as imaxes