O Covid-19 obriga ao Concello a prorrogar a concesión do transporte para garantir o servizo
O goberno local aprobou esta mañá a prórroga por cinco anos da concesión do transporte público ao tempo que paraliza o proceso dunha nova licitación que tiña practicamente ultimada. A incerteza xerada pola pandemia respecto do uso do transporte público obriga ao Concello a postergar a convocatoria dun novo concurso polo “risco” de que, se non se presentan empresas, a cidade puidera quedar sen este servizo esencial.
A Xunta de Goberno Local aprobou a prórroga do contrato da concesión do servizo de transporte urbano de Vigo como medida para garantir a continuidade do servizo e obter os prazos necesarios para desenvolver a licitación doutro expediente de contratación. Deste xeito, o goberno local vese obrigado a paralizar a tramitación da licitación dun novo contrato para o que o 27 de setembro de 2018 denunciou o actual contrato co propósito de evitar unha prórroga tácita do mesmo. A actual concesión, de 1994, era por 25 anos con dúas prórrogas de cinco anos cada unha que o Concello non quería executar. De feito, a longo destes case dous anos fóronse desenvolvendo todas as accións precisas para ultimar o expediente de licitación dunha nova concesión. O 4 de outubro de 2018 constituíuse un comité técnico de traballo para tramitar un novo expediente, o 14 de febreiro de 2019 publicouse o anuncio de información previa no Parlamento Europeo, o 6 de febreiro de 2020, o BOPP recollía a Regulación do servizo público de transporte, e a principios deste mes de marzo xa estaban redactadas as propostas de estudio de viabilidade económica e a memoria de contratación coa definición de todos os aspectos necesarios para unha nova concesión.
Desde que se decretara o estado de alarma, fóronse aprobado distintas normativas reguladoras do transporte como servizo público esencial, reducindo servizos e implantando estritas medidas de seguridade sanitaria. Por exemplo, o 24 de marzo reduciuse ao 50% o servizo durante todo o estado de alarma, unha cifra que se eleva ao 80% na primeira fase da desescalada. A consecuencia desta situación, o transporte urbano perdeu máis dun 90% dos viaxeiros.
Segundo constatou o alcalde, a situación do transporte urbano é completamente distinta agora do que era antes do 14 de marzo coa incerteza de non saber como vai evolucionar a situación sanitaria nos próximos meses. Esta inseguridade ten moita incidencia no estudo de viabilidade económica deste contrato que se sustenta na hipótese dun número de viaxes/ano polo que, segundo os técnicos, parece aconsellable demorar a licitación do novo contrato ata que se dispoña dos datos que se deriven da chamada “nova normalidade” e que permitan ao Concello licitar con todas as garantías de viabilidade económica reguladas na vixente lexislación en materia de contratación pública. Deste xeito, a prórroga permite garantir o a continuidade do actual contrato durante o período comprendido entre a finalización do presente contrato (7 de xuño) e a finalización do proceso de licitación e adxudicación do novo contrato. Se o Concello non suspendera a licitación e non se presentara ningunha empresa ao concurso, a cidade correría o risco que quedar sen transporte, advertiu Caballero.
As condicións nas que continuará o servizo serán as vixentes na actualidade, conforme o prego de condicións da concesión de 1994 e incluíndo as modificacións que se foron realizando ao contrato, tales como as lanzadeiras ao CUVI en 2014 ou a nova liña ao hospital establecida en 2016. Respecto do réxime económico do contrato, tamén se manterá nos mesmos termos, aclarou o rexedor.
O alcalde avanzou que o Concello comezará traballar nunha licitación tan pronto se coñezan as novas condicións para que estea preparada antes do remate da prórroga.