O rexedor aborda coa Vigo Convention Bureau a acción turística da cidade
Abel Caballero mantivo un encontro virtual con cincuenta membros da Fundación Vigo Convention Bureau, representantes do ámbito turístico da cidade, para tratar o desenvolvemento do sector durante este verán que "non se dá por perdido".
O alcalde e a Vigo Convention Bureau abordaron a acción conxunta no desenvolvemento turístico da cidade, un sector que permanece atento á evolución da crise sanitaria e aos procesos de apertura segura da mobilidade en España e Europa.
Trala reunión, Caballero trasladou que o sector "non dá por perdido" o verán e traballa coa previsión de ter unha temporada "moi por enriba do que podíamos pensar hai un mes", lanzando unha mensaxe ao turismo interior, especialmente, para que visite a cidade no momento en que o permitan as condicións sanitarias.
Coa máxima de que recuperar turismo é recuperar diferentes sectores, o eixo da mensaxe que quere transmitir o sector turístico é que Vigo nestes momentos é unha cidade segura, con praias e natureza sanitariamente seguras, con "Cíes, Patrimonio da Humanidade" e cun sector profesional e capaz.